16 de xuño de 2016
Os corpos de emerxencias realizarán un simulacro de rescate na tarde do día 23 en Riazor e o Orzán, onde tamén se establecerán os dous hospitais de campaña (no Paseo Marítimo)
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou na mañá deste xoves o dispositivo de seguridade da noite de San Xoán, no que está previsto que participen máis de 500 profesionais de todos os corpos de emerxencias -Cruz Vermella, Protección Civil, Bombeiros, Policía Local e Nacional e Garda Civil-, dos cales 392 estarán traballando nas praias. Como indicou, o operativo especial deste ano "parte do dispositivo habitual pero conta con algúnas novidades e reforzos", como é que, por primeira vez, este desplegarase "máis alá da ensenada de Riazor" e se estenderá a outras praias, como son as de Oza e As Lapas, que se suman ás Riazor, Orzán e Matadeiro, e que tamén contarán con vixilancia. Do mesmo xeito, os e as profesionais que controlen As Lapas controlarán tamén a zona de San Amaro. O protocolo establece tamén dous hospitais de campaña, que se levantarán no Paseo Marítimo, á altura da Couraza, e que se sumarán aos dous postos de Salvamento de Riazor e o Orzán, que estarán operativos durante toda a noite e hasta a mañá.
Coincidindo coa hora na que comezará a desplegarse o dispositivo, cara ás 20.00 horas terá lugar, na praia de Riazor e Orzán un simulacro de seguridade cos corpos de emerxencias e a intervención dun helicóptero de Salvamento, que ensaiarán un rescate de varias persoas na auga, despregando o dispositivo "de acordo co protocolo de emerxencias xa establecido", desde o salvamento á reanimación, evacuación e traslado, primeiro ao hospital de campaña e, posteriormente, ao complexo hospitalario.
Tal e como indicou o rexedor, unha hora antes, ás 19.00 horas, quedará cortado ao tráfico o Paseo Marítimo e ás 19.30 comezará a repartirse nos puntos establecido dos areais a madeira para as cacharelas, 140 toneladas que, por primeira vez este ano, serán trasladadas ata as praias ás 07.30 horas da mañá, para evitar que os camións que a transportan transiten o Paseo durante momentos de afluencia. Desde esa primeira hora haberá vixilancia nos areais e, como indicou o rexedor, xa nos días previos a Policía e os Bombeiros percorrerán os distintos barrios para controlar as fogatas e os acopios de madeira, "para controlar que se fan nos sitios idóneos e con tamaño razonable", medidas que se suman as estipuladas no dispositivo ambiental, no que se reforzarán os puntos de depósito de residuos e de vidro na zona de praias e a súa sinalización, e se repartirán 'ecovasos' para reducir os refugallos, así como se disporán medio cento de sanitarios portátiles. Neste sentido, o alcalde chamou á xente a actuar con responsabilidade e apelou ao "sentidiño" para respectar as medidas establecidas para que a noite discorra sen percances e co menor impacto posible nos espazos comúns.
Como indicou Ferreiro, está previsto que a preamar prodúzase nesa xornada ás 19.15 horas, "algo que haberá que ter en conta á hora de ir ocupando os areais e os espazos"; a partir das 06.30 horas do día seguinte comezará a pedirse á xente que abandone as praias para que os equipos de limpeza podar comezar o seu labor.
Mobilidade
O alcalde avanzou tamén datos do dispositivo de mobilidade para o San Xoán, que contará con tres aparcamentos disuasorios: o habitual de Lonzas e os dous espazos comerciais de Carrefour, en Alfonso Molina, e Marineda City. Deles partirán os buses lanzadeira, que conectarán estes tres puntos coa praza de Pontevedra, con frecuencias que serán de 15 minutos entre as 22.30 e as 02.30 horas, e de 30 minutos desde ese momento ata as 06.30 horas.
Ademais, o Bus Búho circulará cada media hora desde a praza de Pontevedra, entre as 03.00 e as 06.30 horas e haberá outras oito liñas especiais do bus urbano. De tal xeito, a liña 1 conectará con Os Castros e Monelos, pasando antes pola praza de Ourense e o Castrillón; a liña 1A irá ata Matogrande e Eirís, a través da praza de Ourense, Catro Camiños, Caballeros, Salvador de Madariaga, Pajaritas, Matogrande, Eirís, Barrio das Flores e Monelos; a liña 3 partirá da praza de Pontevedra e circulará por Fernando Macías, avenida da Habana, Paseo de Ronda, Gran Canaria, Labañou e Os Rosales, ata San Pedro de Visma; a liña 3A percorrerá de xeito circular a zona centro, desde a praza de Pontevedra ata a Cidade Vella, Adormideras e Monte Alto; a liña 6 conectará a praza de Pontevedra con San José, percorrendo a avenida de Finisterre; a liña 7 chegará ao Ventorrillo e discorrerá por Fernando Macías, avenida da Habana, Peruleiro, rolda de Outeiro e Villa de Negreira; a liña 11 chegará aos Mallos a través de Juan Flórez e Pla y Cancela, Os Mallos, Vioño, avenida de Arteixo, Sardiñeira e rolda de Outeiro; por último, a liña 21 conectará a praza de Pontevedra con Novo Mesoiro, a través de Ramón y Cajal, avenida de Pablo Picasso, o Birloque, o Martinete e Mesoiro.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible