7 de marzo de 2017
A nova ferramenta ofrece información sistematizada relativa aos servizos de Policía Local, Bombeiros e Protección Civil
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou este martes a nova páxina web de Seguridade Cidadá do Concello (http://www.coruna.es/seguridadecidada/gl), que se pon a funcionar co obxectivo de informar á veciñanza da actividade diaria que presta esta área municipal, así como os distintos servizos que prestan Bombeiros, Policía Local e Protección Civil, "dentro do compromiso deste Goberno local co servizo público e coa transparencia como unha liña de actuación que debe servir para achegar a acción institucional á veciñanza". "Entendemos a transparencia como un dereito que ten a xente para estar informada da acción e o funcionamento do seu goberno e da corporación municipal, unha cultura política na que queremos seguir avanzando, para permitir que a cidadanía poida fiscalizar de forma efectiva a acción e o funcionamento das institucións públicas", salientou o rexedor, que sinalou que esta nova canle vén complementar ao Portal Municipal de Transparencia, en activo desde principios deste ano.
Tal e como indicou Ferreiro, estas ferramentas entroncan coa "vocación do Goberno local de abrir a acción da institución ao coñecemento da cidadanía", concretada xa desde a chegada a María Pita con medidas como a inclusión dos grupos da oposición en institucións e organismos que en etapas anteriores eran "couto só do Goberno local", como son a Xunta de Goberno local, a mesa de contratación ou os consellos de administración das empresas públicas, e, igualmente, con accións como a retransmisión dos Plenos en directo a través da web ou as canles de comunicación que representan as redes sociais. Esa vocación, fixo notar, valeu recentemente ao Concello da Coruña a certificación da plataforma Dyntra -unha entidade de transparencia e para a rendición de contas das institucións- e a Asociación Transparencia Pública como o Concello máis transparente de Galicia, un posto compartido co Concello de Pontevedra, e cun nivel de transparencia do 67%.
O alcalde, que estivo acompañado durante a presentación do coordinador de Seguridade Cidadá do Concello, Carlos García Touriñán, explicou que a nova web é unha "páxina viva", que se irá modificando no día a día e ampliando para ser "unha ferramenta útil á cidadanía", onde progresivamente se irán incorporando novos datos ás distintas seccións, como son os apartados específicos dos servizos de Policía Local, os Bombeiros e Protección Civil. "Con ela, tratamos de abrir unha nova porta á comunicación e a participación, que sexa máis cómoda, máis rápida e máis sinxela, para que a veciñanza poida acceder aos servizos que presta o Concello con máis facilidade", subliñou a este respecto, indicando tamén que a través desta web, os servizos "adáptanse ao uso das tecnoloxía para ser cada día máis efectivos no seu papel de axudar e dar servizo á cidadanía".A través das súas seccións, a nova páxina municipal ofrece, de maneira sistematizada, información sobre trámites, programas, noticias sobre a actividade, avisos ou documentación, como as memorias de xestión de cada un destes ámbitos, ademais da organización interna dos servizos e os teléfonos e información de contacto. Ademais, cada sección conta con apartados específicos como é, no caso da Policía Local, o das campañas que esta desenvolve -tráfico, uso do cinto de seguridade ou velocidade, entre outras-, de forma individual ou en colaboración con distintos organismos, e que, como sinalou na comparecencia o coordinador de seguridade do Concello, "inclúe todos os datos das mesmas, para que sexan realmente accesibles, xa que ese é o obxectivo, que a cidadanía poida coñecer todo o traballo, para mellorar a seguridade viaria".
Do mesmo xeito, a parte da web correspondente á Policía Local inclúe os programas innovadores, como é o programa PIPE, de Identificación Policial Eficaz, ou o programa Axente Titor, que se realiza en coordinación coas comunidades educativas e que esta especializado na promoción do respecto polos dereitos da infancia, e centrado nos ámbito da protección do menor e en concreto ámbito escolar. O Concello desenvolve esta iniciativa desde 2015 e hoxe está presente en 21 centros de ensino da cidade, con varios colexios en espera para pasar a formar parte da mesma. De igual xeito, a páxina inclúe unha sección de obxectos perdidos, "unha sección moi demandada pola cidadanía", segundo advertiu García Touriñán, e na que se dará conta das pertenzas depositadas na Policía Local.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible