Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de novembro de 2016

O alcalde reafirma a aposta do Goberno local pola mellora do espazo público da cidade a través de medidas como a súa naturalización

Xulio Ferreiro inaugurou esta mañá no Kiosco Alfonso as xornadas de Biodiversidade e Deseño Urbano ‘A Coruña + Natural’, que organiza o Concello para avanzar na integración dos criterios ambientais na xestión e planificación do desenvolvemento urbano das distintas administracións

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, inaugurou na mañá deste xoves no Kiosco Alfonso as Xornadas de Biodiversidade e Deseño Urbano 'A Coruña + Natural', que organiza o Concello co obxectivo de avanzar na integración de criterios de natualización e conservación nos plans e proxectos de desenvolvemento urbano das distintas administracións, así como de concienciar sobre a necesidade de promover a preservación da biodiversidade urbana. "Unha cidade máis vivible, máis amable con todas as persoas que a habitan, ten que ser tamén unha cidade máis naturalizada, que entenda a biodiversidade como unha riqueza que forma parte dela, como un ben presente, e tamén futuro", salientou o rexedor, quen apostou pola transversalidade das políticas ambientais na planificación das accións relacionadas co espazo urbano ou a mobilidade. Neste sentido, subliñou o "imperativo ético" que supón para unha administración local a conservación dos espazos verdes e da súa  biodiversidade, "tendo en conta a incidencia directa que a actividade urbana ten no cambio climático, e tamén, o papel decisivo á hora de mitigar os seus efectos. Falamos dun dos retos máis importantes deste século e as entidades locais temos a obriga de liderar a estratexia para enfrontalo".

Durante a súa intervención, o primeiro edil explicitou a aposta do Goberno local por un modelo de cidade "que avoga pola conservación e a restauración das zonas verdes como espazos de oportunidade, para que a cidadanía poida conectar co toda a riqueza natural coa que convive, apostando pola naturalización como estratexia para mellorar a calidade de vida da cidadanía e responder á necesidade de coidar o ambiental de cara ao futuro, convertindo a cidade nun espazo máis confortable para vivir, que é tamén máis respectuoso e compatible co resto de seres vivos que o habitan". Nesa liña, deu conta dalgúns dos proxectos do Goberno coruñés, como a reforma da avenida da Vedra, "para evitar o crecemento inxustificado da vía e incluíndo sendas que permitan o uso peonil ou en bicicleta", ou a rexeneración da Ría do Burgo "como gran pulmón verde e punto de encontro dos concellos ribeireños que permite conectar concellos e espazos naturais desde o inicio da Costa da Morte e Arteixo ata a Torre, o encoro de Cecebre e Seixo Blanco á Costa Doce de Sada", con mencións á recuperación de cauces fluviais como o de Feáns ou aos proxectos de expansión do arborado na trama urbana. "Todos eles vense acompañados doutras medidas que talvez sexan menos vistosas, pero igualmente relevantes nese obxectivo, como a inclusión de cláusulas ambientais nos contratos municipais ou a reformulación que se está a levar a cabo para incluír o manexo ecolóxico nos contratos de mantemento de parques e xardíns, para convertir as zonas verdes en espazos máis sostibles e con menos produtos químicos, que permitan gozar deles ás persoas, pero tamén ao resto de especies animais silvestres e domésticos", fixo notar o alcalde, quen reafirmou o compromiso do Goberno local por "continuar avanzando neste camiño, como estamos a plasmar no noso proxecto de Orzamentos para o vindeiro ano, no que temos no uso do espazo público un dos principais eixes de actuación, a través da priorización dos percorridos peonís, o tratamento vexetal dos espazos e a mellora da accesibilidade".

No acto inaugural, o alcalde estivo acompañado da concelleira de Medio Ambiente, María García, e dos representantes de entidades que colaboran na organización do encontro, como son o director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, Ceida, e vicepresidente do Comité Español da Unión Internacional de Conservación da Natureza, Carlos Vales, e o delegado territorial de SEO Birdlife Cantabria, Felipe González. As xornadas están dirixidas  a persoal  técnico de distintas administracións locais vinculado á planificación e xestión municipal, a responsables de medio ambiente e biodiversidade de entidades locais, a xestores e xestoras municipais de parques e espazos verdes e profesionais da arquitectura, o urbanismo ou o paisaxismo e profesionais vinculados á planificación urbanística doutras administracións, ademais do público en xeral. Como remarcou a responsable municipal de Medio Ambiente durante a súa exposición inicial, das ponencias e debates de hoxe sairá un manual de traballo para persoal técnico municipal da Coruña, no que se plasmarán estratexias de actuación e medidas concretas que afectan ao plantexamento do deseño urbano.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión