Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de xuño de 2016

O Concello abre o prazo de inscrición para os campamentos de verán da área de Mocidade, que por vez primeira serán gratuítos

As actividades, dirixidas a mozas e mozos de 12 a 17 anos, desenvolveranse no mes de xullo e promoverán o contacto cos espazos naturais e urbanos da cidade

A Concellería de Participación Cidadá e Innovación Democrática vén de abrir o prazo de inscrición para os campamentos de verán da área de Mocidade, dirixidos a rapazas e rapaces de 12 a 17 anos. Co obxectivo de facilitar o acceso á veciñanza a propostas de ocio do período estival, por vez primeira estas actividades, de carácter medioambiental, lúdico recreativo e multideportivo, serán gratuítas, sen custo para as e os participantes nas mesmas.

Estes campamentos de verán, que se desenvolverán ao longo do mes de xullo, promoverán o contacto da mocidade cos espazos naturais e urbanos da cidade, na procura de favorecer a conciencia medioambiental e sustentable na interacción co espazo público a través das distintas posibilidades de uso. As e os mozos poderán participar, deste xeito, en actividades lúdicas como xogos de rastrexo e de pistas, de cooperación ou orientación, e xeocaching; medioambientais como obradoiros creativos con material reciclable ou roteiros pola contorna natural da cidade e de coñecemento e recollida de algas; e multideportivas e no medio acuático como iniciación ao snorkel, tiro con arco, volei-praia, kaiak e outras propostas de deporte alternativo.

Os campamentos desenvolveranse de luns a venres, en horario de 9 a 14 horas, no Espazo de Iniciativas Xuvenís (EIX) da rúa Matadoiro e Cidade Deportiva da Torre a través de dúas quendas -do 4 ao 15 de xullo a primeira, e do 18 ao 29 a segunda- e contarán con 30 prazas para cada unha delas. A Concellería habilitará un autobús que realizará unha ruta de ida e volta con paradas pola cidade para facilitar o desprazamento das e dos participantes.

A inscrición para os campamentos de verán de Mocidade xa está aberta, e pode realizarse a través da web municipal www.coruna.es/cmix ata o 23 de xuño ás 13.00 horas. A adxudicación de prazas é directa, e realizarase por orde de inscrición. No caso de esgotárense as mesmas, a Concellería habilitará unha lista de espera para as dúas quendas.

Unha vez remate o proceso de inscrición, a área de Mocidade realizará unha reunión informativa coas familias das e dos participantes, que terá lugar o martes 28 de xuño, ás 21.00 horas no EIX.
 

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión