26 de decembro de 2016
Os establecementos poden solicitar a súa participación, de forma gratuíta, nas xornadas, que este ano terán lugar do 20 de febreiro ao 5 de marzo
O Concello da Coruña abrirá mañá, martes 27, o prazo de inscrición para os establecementos interesados en participar en Lacónicas. Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos. Entroido A Coruña 2017, unha proposta que celebrará a súa segunda edición do 20 de febreiro ao 5 de marzo. As xornadas, impulsadas pola área de Turismo, que dirixe o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, teñen como obxectivo potenciar a cidade como destino gastronómico durante o Entroido coruñés a través do menú característico e popular da época, a laconada.
O prazo de inscrición comeza mañá, martes 27, e finaliza o próximo 10 de xaneiro. As bases de participación, que é gratuíta, poderán consultarse na páxina web www.turismocoruna.com. A inscrición, a través de formulario que tamén estará dispoñible no mesmo espazo, debe enviarse á dirección xornadaslaconicas@gmail.com. As solicitudes atenderanse por orde de chegada.
Segundo as bases das xornadas, nas mesmas poderán participar "establecementos de hostalería da cidade --ata un máximo de 30-- que, pola súa traxectoria profesional e proposta gastronómica, encaixen na temática das xornadas". Cada un dos locais participará cun único menú --que deberá ser elaborado, principalmente, con produtos galegos--, que estará composto dun primeiro, que será sopa ou similar; un prato principal, composto por unha laconada popular e un postre tradicional (filloas e/ou orellas), ademais de bebida (auga, refrescos ou adega de denominación galega) e café. O prezo dos menús debe oscilar entre os 15 e os 30 euros (IVE incluído).
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible