1 de xuño de 2016
A convocatoria inclúe 25 prazas para o programa de iniciación á navegación de altura para a etapa Cádiz-A Coruña
O Concello da Coruña, a través da Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, vén de abrir o prazo de presentación de solicitudes para participar como trainees na regata Tall Ships Races 2016, que se celebrará na cidade do 11 ao 14 de agosto. En total, serán 25 as prazas ofrecidas para exercer como tripulante aprendiz nos buques da regata de veleiros para a etapa entre Cádiz e A Coruña. Entre as actividades que desenvolverán nesta aprendizaxe atópanse aquelas propias de navegación de altura como auxiliar de navegación, manobra en cubierta, cociña, tarefas de mantemento, gardas diurnas e nocturnas, partipación nas actividades a bordo e en cada porto e, todas aquelas obrigas solicitadas polo capitán do barco.
A convocatoria de trainees está dirixida a mozas e mozos de entre 18 e 25 anos, e terán preferencia todas aquelas persoas empadroadas no Concello da Coruña. Entre os requisitos que se solicitan están a certificación do nivel mínimo de inglés A2, a realización dunha proba básica de natación ou a asistencia a unha sesión formativa sobre navegación de altura, para adquirir nocións esenciais sobre convivencia, normativa de seguridade ou hixiene antes da incorporación ao buque o 31 de xullo.
As solicitudes poderán tramitarse desde hoxe e até o día 27 de xuño, ambos inclusive, a través da web municipal www.coruna.es/deportes, así como de xeito presencial en calquera das oficinas de rexistro do Servizo Municipal de Deportes, que se atopan na Cidade Deportiva da Torre, Pazo dos Deportes de Riazor ou do Polideportivo do Barrio das Flores en horario de atención ao público.
A publicación das listaxes provisionais publicarase o día 29 de xuño, e o sorteo público de prazas será nas oficinas administrativas do Pazo de Deportes o día 5 de xullo, ás 9 horas. Un día máis tarde publicaranse as listaxes definitivas e, o día 13, publicaranse as prazas adxudicadas. As mozas e mozos que finalmente formen parte do programa de iniciación á navegación de altura poderán formalizar a súa matrícula os días 14 e 15, en horario de atención ao público, nas oficinas de rexistro do Servizo Municipal de Deportes.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible