19 de xullo de 2019
O edil de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, sinalou que esta nova rede incrementará a velocidade de navegación tanto nos terminais móbiles como nos domicilios
O edil de Economía, José Manuel Lage Tuñas, anunciou esta mañá un acordo coa compañía Vodafone para a implantación efectiva da tecnoloxía 5G na cidade da Coruña nos anos 2019 e 2020.
Lage reuniuse co Director Territorial de Vodafone, Juan Manuel Navarro, para abordar o establecemento da tecnoloxía 5 G na cidade, chegando a un acordo con esta multinacional de telecomunicacións para que se comprometan a ampliar a cobertura neste ano
Vodafone adquiriu o compromiso de darlle cobertura ao 50% da poboación da Coruña antes do 30 de setembro, e que antes de que remate o ano 2019 sobre o 75% da cidadanía da Coruña poderá acceder á cobertura 5G de Vodafone.
O concelleiro mantivo unha reunión con responsables da operadora Vodafone para coñecer de primeira man o proxecto de implantación desta rede que a compañía ten previsto levar a cabo na cidade. O edil solicitará, non só a esta compañía, senon ao resto de operadoras, que esta tecnoloxía chegue a toda a poboación no menor tempo posible. "Abordaremos con todas as compañías, que así o desexen, un marco de colaboración estable que mellore as condicións nas que acceden os cidadáns ás tecnoloxías da información e da comunicación. Este é un "primeiro paso" explicou Lage Tuñas.
Esta nova rede será imprescindible para combater a saturación da banda electromagnética que existe nas grandes urbes. Hoxe en día con máis dispositivos conectados é necesario contar con maior capacidade para soportar que un maior número de clientes poidan traballar con normalidade cando se conecten simultaneamente.
O edil de Economía asegura que esta nova rede fará posible incrementar a velocidade de navegación tanto nos terminais móbiles como nos domicilios. Trátase, explicou, dun avance tecnolóxico que non só beneficiará aos cidadáns, senón que tamén permitirá ás empresas locais competir en igualdade de condicións con outras cidades en materia tecnolóxica.
A velocidade da rede 5G de Vodafone é de ata 1Gbps en descarga de datos e a finais de ano poderán alcanzar ata 2 Gbps, multiplicando por 10 as velocidades de 4G.
O 5G reduce a latencia -ata 5 milisegundos-, o que será fundamental na transformación de sectores claves para o desenvolvemento económico e aplicacións en tempo real como coche autónomo, telemedicina, realidade virtual, vídeo 8K e cloud gaming
Asi mesmo, permitirá o desenvolvemento de smartcities, servicios empresariais e de administracións públicas en áreas como automoción, sanidade, emergencias, enerxía, e novos modelos de negocio vinculados á Internet das Cousas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible