20 de febreiro de 2017
O edil Xiao Varela sinala que a intervención “mellorará a accesibilidade peonil e pacificará o tráfico na zona”
- O Goberno local vén de iniciar as obras de execución da nova beirarrúa situada no Camiño da Igrexa, a carón da reitoría de Santa María de Oza. A intervención supón unha creación dunha nova marxe na rúa, así como a ampliación da xa existente que, segundo o edil de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, "suporá melloras tanto na comodidade e accesibilidade peonil, como contribuirá á pacificación do tráfico na zona". Esta actuación "responde unha petición continuada por parte da asociación veciñal de Monelos, en particular desde a inauguración do Parque de Oza, xa que o treito sobre o que se está a a traballar sitúase nun dos principais percorridos de entrada ao mesmo desde Monelos", explica Varela. "Esta obra é unha intervención que mellorará a calidade de vida do barrio", sinala o edil, "ao construír unha beirarrúa que, ata agora, nunca existiu e que colocaba o tráfico de peóns á mesma altura que o motorizado, coa consecuente situación de inseguridade para a veciñanza, que se vía acentuada polo obstáculo visual da esquina do reitoral". "Deste modo, ao reducir o espazo da calzada, calmarase tamén a velocidade dos automóbiles na baixada desde o Castrillón", engadiu Varela. O procedemento para o calmado consistirá na ampliación da beirarrúa de enfronte, "cunha orella que peche a liña de aparcamento", afirma o concelleiro, quen sinala que a obra tamén incluirá a plantación dunha nova árbore, "que enmarcará mellor a acometida do parque". Os traballos da área de Rexeneración Urbana en Oza prolongaranse até a primeira quincena do mes de marzo.

18 de decembro de 2025

17 de decembro de 2025

17 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible