21 de marzo de 2017
A concelleira de Medio Ambiente, María García, indicou que “hoxe, coa plantación de dúas especies distintas no Barrio das Flores, damos o pistoletazo de saída a este proceso”
A concelleira de Medio Ambiente, María García, celebrou este martes o Día da Arbore co inicio do plan de expansión de arborado na cidade, que nesta primeira fase consiste na plantación en catro barrios de 65 árbores, co fin de aumentar a ratio de zonas verdes que existen no municipio. Ademais, estas plantacións teñen tamén unha vertente didáctica, xa que se realizan coa colaboración de nenos e nenas de centros educativos da cidade. En concreto, nesta xornada de plantación, no que se colocaron novos exemplares de dúas especies (ciroleiras e freixos) no Barrio das Flores, a edil estivo acompañada de alumnado do CEIP María Pita. "O Barrio das Flores é unha zona que xa conta con moito verde, pero sobre todo no seu núcleo; o que queremos é seguir expandindo a presenza de árbores noutras zonas máis periféricas", comentou.
"A plantación desta xornada é un pistoletazo de saída para todos, xa que iniciamos un proceso que vai culminar coa plantación en dous anos de 1.500 árbores na cidade, xa que o noso obxectivo é incrementar o arborado existente nun 10% entendendo que trae unha serie de importantes beneficios para toda a cidadanía, dende purificar o aire até facer pantalla contra o ruído, ademais dos temas estéticos, de acubillo para especies de flora e fauna", enumerou García, que destacou que "as árbores revitalizan os barrios". "En canto se aproben definitivamente os Orzamentos temos distintas partidas para destinar a todo o proceso de plantación. Calculamos que neste ano estamos en disposición de poder investir máis de 200.000 euros", engadiu a concelleira. As próximas plantacións inmediatas terán lugar en Monte Alto, Novo Mesoiro, e Eirís.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible