13 de xaneiro de 2016
A Concellería de Igualdade e Diversidade convoca a toda a corporación e aos e ás traballadoras municipais a un minuto de silencio mañá, en repulsa polo asasinato dunha muller na localidade de Vila-Seca esta xornada, e doutra na provincia da Coruña o pasado decembro
O Concello da Coruña quere amosar a súa condena ante o crime machista coñecido nesta xornada na localidade de Vila-Seca, en Tarragona. Do mesmo xeito, amosa a súa máis enérxica repulsa ante o asasinato doutra muller a mans da súa parella cometido o pasado decembro en Narón (A Coruña). Ante ambos casos, o Goberno local convoca a toda a Corporación Municipal, así como aos traballadores e traballadoras a concentrarse mañá, ás 12.00 horas, ás portas do Pazo de María Pita e gardar un minuto de silencio en solidariedade coas familias e amizades das vítimas.
Con este acto, dáse cumprimento ao protocolo de actuación ante violencias machistas aprobado por unanimidade dos grupos municipais no Pleno do 14 de setembro. Tamén, como está referido nese mesmo acordo, a Concellería de Igualdade e Diversidade, dirixida por Rocío Fraga, invita a toda a poboación a secundar a concentración do movemento feminista en repulsa do crime perpetrado en Galicia que, previsiblemente, terá lugar na tarde deste venres.
Ante o coñecemento destes dous crimes machistas, a concelleira Fraga recordou que “a situación que estamos a vivir non vai parar se non se toman medidas contundentes dende as distintas administracións, sendo o Estado o primeiro que debe facelo”. “Agardamos que o futuro goberno que se configure trate o tema da erradicación das violencias machistas como unha prioridade”, engadiu.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible