22 de xullo de 2016
O alcalde da Coruña reuniuse con representantes da Plataforma de Vítimas do Alvia, ás que volveu a trasladar o apoio e compromiso do Goberno municipal coas súas reivindicacións, que pasan por comisións de investigación do sinistro no Congreso e no Parlamento galego
O Concello da Coruña convoca a toda a veciñanza a participar nunha homenaxe o próximo domingo, 24 de xullo, na estación de tren da cidade, coincidindo co terceiro aniversario da traxedia ferroviaria do Alvia 04155, que deixou tras de si un funesto saldo de 80 vítimas mortais e máis de 148 persoas feridas, algunhas de extrema gravidade, con lesións de por vida. Así, ás 21.10 horas da noite terá lugar un minuto de silencio, ao que está chamada a participar toda a Corporación Municipal, así como toda a cidadanía. "É a hora na que estaba prevista que o tren chegase á Coruña hai tres anos", indicou o alcalde, Xulio Ferreiro, que esta mañá mantivo unha reunión con representantes da Plataforma de Vítimas do Alvia. "Facemos un chamado público a participar neste acto de homenaxe ás vítimas e as súas familias. Moitas delas estarán a esa hora en Angrois, pero nós queremos sumarnos dende a Coruña a este acto, que conmemora o aniversario da traxedia", indicou.
O alcalde explicou que esta mañá se reuniu con representantes da Plataforma de Vítimas do Alvia "para volver a trasladarlles todo o apoio deste Concello". "Os e as familiares seguen a demandar que se realicen comisións de investigación tanto no Congreso en Madrid como no Parlamento en Galicia para esclarecer todo o accidente e ver se, realmente, o estado da infraestrutura ferroviaria foi o desencadeante clave na traxedia", dixo o primeiro edil coruñés, que recordou que o Pleno do Concello coruñés aprobou unha moción na que instaba ás institucións autonómica e estatal a atender tales reclamacións. "Cremos, igual que o cren ás vítimas, que non hai ningún impedimento legal para que a Cámara galega investigue que pasou aquel 24 de xullo en Angrois", explicou.
Neste sentido, José Antonio Gayoso, un dos representantes da asociación de vítimas, sinalou a necesidade de esclarecer as causas do accidente mortal. "A razón última desa traxedia é o atraso das infraestruturas en Galicia. Se a liña ferroviaria estivese electrificada non houbera sido necesario ter un tren híbrido, que foi unha das razóns da magnitude deste sinistro. Nós non podemos ser quen de xulgar, non nos corresponde, pero si pedimos que se aclaren as responsabilidades, que se faga xustiza e que se garanta que non volverá a pasar nada igual", comentou.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible