Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de agosto de 2015

O Concello da Coruña aposta por potenciar as festas dos barrios cunha oferta lúdica marcada pola pluralidade

Até sete zonas distintas da cidade celebrarán os seus tradicionais festexos entre os días 18 e 30 de agosto

 

As festas de agosto organizadas este ano polo Concello da Coruña teñen unhas máximas fundamentais: mesturar tradición con innovación, apoiar aos creadores locais, descentralizar os festexos e potenciar a oferta nos barrios. E todo isto, ademais, cun considerable aforro con respecto ás actividades de anos pasados. En base a estes principios, o Goberno local presenta as diversas actividades que terán lugar entre o 18 e o 30 de agosto nos barrios do Castrillón, Eirís, Oza-Gaiteira, As Flores, San Cristovo das Viñas, Pedralonga e Novo Mesoiro.

 

Na súa aposta por descentralizar as festas, e non organizar unicamente actividades na zona centro da cidade, o Goberno local decidiu potenciar a oferta lúdica naqueles barrios que celebran tradicionalmente os seus festexos no mes de agosto. A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, dirixida por José Manuel Sande, destaca ademais, a clara aposta pola “pluralidade” nos barrios.

 

Por iso, os programas dos distintos barrios conteñen actuacións para todas as idades (actividades infantís, inchables, espectáculos de monicreques, xogos e deportes tradicionais), así como músicas de todos os estilos, dende orquestras até festivais como o DenomeRock en Novo Mesoiro ou o do Barrio das Flores.

 

Sande destaca a importancia que tiveron nestas festas os grupos locais, “tamén nos barrios”. De feito, a oferta lúdica que se ofrece está conformada na súa maioría por espectáculos de artistas galegos.

 

Por outro lado, nestas festas dos barrios que se desenvolverán até final de mes, o Concello apostou, como no conxunto de todos os festexos de agosto, por unha oferta variada, pero máis económica que a de exercicios anteriores . “Unhas festas máis baratas que as do ano pasado, cuxo gasto estaba en crecemento constante, non quere dicir para nada que sexan peores”, explica o concelleiro de Culturas.

 

As festas en Castrillón-Urbanización Soto terán lugar entre o 18 e o 19 de agosto e, entre outras actividades, contará con concerto de Sherpa (ex de Barón Rojo) e o grupo local de rock Exit. As de Oza-Gaiteira-Os Castros celebraranse entre os días 20 e 21, cos concertos de Vaamonde, Lamas e Romero e de Ataque Escampe. Eirís terá o xoves 20 a súa tradicional Festa da Fresa, e pechará a xornada do 20 de agosto cunha gran verbena coa Orquestra Sintonía. O 22 de agosto tocaralle o turno ás festas de San Cristovo das Viñas, que terán sesión vermú, inchables e á Orquestra Marca. As festas no Barrio das Flores tamén se celebrarán entre os días 21 e 22. Ademais de numerosas actividades infantís, contará cun festival onde actuarán Diego Frikipaldi, Pel de Oso, Tregua e Chotokoeu, e coa actuación da Orquestra Acuarela. A Orquestra Armonía pechará os festexos de Pedralonga, o próximo 21 de agosto, mentres que entre os días 28 e 30 serán os de Novo Mesoiro, nas que se potenciarán as actividades deportivas e infantís, así como músicas máis alternativas no Festival DenomeRock, no que actuará Miguel Costas (ex de Siniestro Total), Dakidarría e Trapallada.

Documentos:

Cartel das festas dos barrios (260 KB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión