14 de novembro de 2017
O alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, visitaron hoxe os traballos, que se realizan no marco do proxecto para mellorar a accesibilidade do ‘Camiño do Vixía’
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, visitaron este martes a rúa Marola, onde o Concello acometeu obras de peonalización dentro do proxecto denominado 'Camiño do Vixía', que aposta pola a creación dunha senda de prioridade peonil que vertebre o barrio de Monte Alto e poida compaxinarse co tráfico rodado. O responsable municipal de Urbanismo indicou que "se ben esta actuación se desenvolveu nos 100 primeiros metros da rúa, o ano que vén, e dando resposta a unha demanda veciñal, culminaremos e completaremos a renovación e mellora de toda a vía, de forma que incrementemos tamén a accesibilidade no resto da rúa Marola".
Entre as distintas actuacións postas en marcha en relación co proxecto do Camiño do Vixía, o goberno local destinou máis de 141.000 euros a acometer as obras de peonalización no primeiro tramo, que serviu para converter a superficie nunha plataforma única. O uso dun pavimento de formigón, liso, sen irregularidades e continuo, facilita o paso do tráfico na intersección coas rúas Suevia, Doutor Ferrant e a continuación da rúa Marola.
"Esta peonalización, enmarcada no Camiño do Vixía, facilitará a mobilidade e o tránsito peonil no barrio desde a rúa da Torre, ademais de poñer en valor o camiño escolar seguro que emprega o alumnado para chegar ao seu centro", explicou o alcalde. A actuación desenvolvida, que supón a eliminación de 16 prazas de aparcamento para vehículos privados, compénsase co aumento de espazos na rolda de Monte Alto, ata 64, grazas á supresión da mediana e a reordenación das prazas cunha nova disposición en batería, que contribúe ademais ao calmado do tráfico. Ademais, a actuación municipal xa levada a cabo na Marola contemplou tamén unha importante intervención para ampliar tanto o espazo público e de reunión do barrio, así como as zonas verdes, coa plantación de dous árbores, unha rosácea e unha oliveira.
Tal e como avanzou o edil Varela, o ano que vén, con cargo aos novos orzamentos municipais, o executivo municipal ten previsto culminar as actuacións iniciadas na vía. "Estamos a dar resposta a unha demanda da cidadanía, que nos pediu que a actuación de mellora de accesibilidade e seguridade que iniciamos siga en toda a rúa. A segunda parte da vía non será unicamente para o peón, máis o que faremos será darlle moito máis espazo", explicou.
"O que propomos neste caso, no que a sección muda con respecto ao resto da rúa Marola, non é unha plataforma única, senón beirarrúas a distinto nivel que a calzada, nas que intentaremos conseguir unha anchura mínima de 1,50 metros, de xeito que favorezamos a accesibilidade na zona", comentou o concelleiro, que manifestou que a calzada oscilará entre os 3,20 e os 3,40 metros. "Neste caso, os pavimentos serán de baldosa, mentres que, e a petición da veciñanza, a calzada será de formigón, mantendo unhas características similares ás que presenta o tramo sobre o que xa se actuou, deixando os pasos de peóns en formigón negro", apuntou. Por outro lado, neste lado da vía tamén se completarán as canalizacións municipais e as redes de saneamento.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible