30 de xuño de 2018
O alcalde anunciou, nunha nova edición dos encontros participativos ‘Dillo Ti’ no barrio de San Pedro de Visma, a apertura este mes de xullo da nova área canina de Bens, así como as actuacións previstas nos centros educativos María Barbeito e Raquel Camacho
O alcalde, Xulio Ferreiro, e o resto de concelleiros e concelleiras do goberno municipal participaron este sábado noutra edición dos encontros coa veciñanza Dillo Ti, neste caso no Centro Cívico de San Pedro de Visma, no que se deu conta tanto das actuacións realizadas pola administración local na zona, como das que están previstas. O mandatario local explicou que no que vai de mandato, a veciñanza da zona puido inaugurar equipamentos moi importantes como o Parque de Visma ou os campos de fútbol. Respecto destas instalacións deportivas, o rexedor indicou que o goberno local "vai continuar con obras encamiñadas a mellorar o servizo" e avanzou o comezo inmediato das obras para a construción dun aparcadoiro na zona sur do campos, coa que se habilitarán 40 novas prazas de aparcamento. "Non será o único, porque tamén se abordará a construción doutro aparcadoiro na zona na que estaba previsto que se ubicase a sede da Federación Galega de Fútbol, pegado ao colexio das Calasancias, o que posibilitará tamén que se desconxestione un tanto o tráfico na zona", engadiu. Como advertiu, os campos tardaron "máis tempo do previsto" en abrirse á cidadanía debido a que o proxecto non se executaba en base aos compromisos que o Concello acadara coa Federación Galega de Fútbol e houbo que adecualo. "O Concello tivo que realizar actuacións para garantir que a apertura final se levase a cabo en condicións", explicou.
No que atinxe ao Parque de Visma, Ferreiro expuxo as distintas actuacións que se acometerán de xeito progresivo neste espazo público, sendo unha das máis inmediatas a construción dunha zona de ocio infantil, próxima á actual de equipamentos biosaudables. Este novo espazo infantil contará con oito estruturas de xogos, construcións para trepar e un balancín.
Por outro lado, tanto o alcalde como a concelleira de Medio Ambiente, María García, destacaron a posta en marcha, este mes de xullo, dunha nova área canina no Parque de Bens, especialmente demandada e que terá unha extensión dunha hectárea. Esta nova instalación poderá ser empregada pola cidadanía do barrio que ten mascota, aínda que o goberno local tamén habilitou xa espazos destinados aos animais no Parque de Visma, que conta cunha área canina, así como un espazo máis amplo de convivencia, con horarios diferenciados para a solta dos cans.
En canto a actuacións para a mellora da accesibilidade e da seguridade peonil, o rexedor tamén salientou as intervencións que xa se realizaron nas rúas Pedreiras e Costa e a próxima obra prevista na rúa do Barral, unha histórica demanda veciñal que axudará a dar unha saída a esa zona de Visma. A este respecto, o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, indicou que, se ben o Concello está a acometer numerosas intervencións para a mellora da mobilidade e a accesibilidade, "a principal mellora para os accesos ao barrio chegará cando se desenvolva o polígono de Visma, xa que xerará un vial de acceso pegado ao centro Ágora, e dando saída pola zona da Terceira Ronda". A intención do executivo é que esas actuacións de urbanización e de habilitación de accesos sexan as primeiras que se acometan dentro do polígono.
Por outro lado, o primeiro edil tamén chamou a atención sobre as actuacións realizadas e previstas nos centros educativos da zona. Así, está previsto que este verán se proceda a un cambio de cuberta do María Barbeito, así como a rehabilitación da mellora da fachada do Raquel Camacho. En canto aos programas postos en marcha dende a Concellería de Xustiza Social salienta, por exemplo, tanto o dos Campacoles, que ten no CEIP San Pedro de Visma unha das súas sedes, así como o programa Lecer Saudable que este ano desenvolverá actividades de paddel surf e robótica para mozas de entre 12 e 30 anos.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible