Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de marzo de 2017

O Concello iniciará os traballos de reforma do CEIP Sanjurjo de Carricarte, froito do proceso participativo 'O Noso Patio', antes que finalice o curso escolar

Rexeneración Urbana detalla que as intervencións se desenvolverán en distintas fases e inclúe o período non lectivo para acometer parte das obras. As edís Claudia Delso e Silvia Cameán presentarán esta tarde o plan de actuacións municipais á comunidade escolar

O Goberno local xa ten preparada a proposta de actuacións que se levarán a cabo no CEIP Sanjurjo de Carricarte, produto do proceso participativo O Noso Patio. A iniciativa, impulsada por un grupo de docentes e familias vencelladas ao centro e que conta coa colaboración das concellerías de Xustiza Social e Participación, comezou no mes de outubro de 2016 e tiña como obxectivo definir, de forma común, a configuracións dos dous patios do centro, así como os seus accesos. Tras a presentación no Pazo de María Pita da maqueta final resultante deste traballo, e o estudo da súa viabilidade por parte da Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, as edís de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, e de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, presentarán esta tarde á comunidade escolar do centro o plan de reforma do patio previsto polo Goberno local, e que sinala que as primeiras intervencións terán lugar antes que finalice o curso escolar no mes de xuño. "Estes traballos iniciais terán, como obxectivo, unha mellora global dos espazos comezando pola zona máis próxima ao acceso principal para, a continuación, intervir na bancada da pista, o que supón un impacto moi positivo neste amplo espazo", explica Cameán. Para acometer estas melloras de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, carpintería e pintura decorativa na construción, o Goberno local Concello contará  co persoal formado a través dos Cursos de Formación Ocupacional, que desenvolve a Concellería de Emprego e Economía Social.

Deste xeito, as primeiras intervencións que se iniciarán antes de finalizar o curso serán as tarefas de axardinamento de dúas zonas do patio --'a' e 'e'--, cuxo resultado final será froito dun deseño colaborativo. O Obradoiro de Xardinería da área de Emprego será o responsable da execución dos labores máis específicos, mentres que a plantación ou tarefas poderán ser levadas a cabo por toda a comunidade. Neste período, tamén terá lugar a intervención da bancada, cuxa definición técnica, deseño e pintura partirá do colectivo escolar, mentres que a colocación de táboas para os asentos dependerá do Obradoiro de Carpintería, que tamén realizará os contedores para materiais de xogo libre, bancos e mesas previstos, ademais da cabana de madeira, cuxo deseño tamén será participativo.

Tal e como anunciou o pasado mes de xaneiro a responsable municipal de Educación, o proxecto orzamentario do Goberno local prevé esta actuación sobre o CEIP Sanjurjo de Carricarte, dentro da partida de programas educativos e, en concreto, na destinada a mantemento e reparacións dos colexios, para a que o proxecto de presupostos do executivo coruñés para este ano contempla unha partida de medio millón de euros.

Tras esta primeira fase de melloras, durante o verán realizaranse novas actuacións. "Aínda que o noso obxectivo é que as reparacións se acometan o máis pronto posible, algunhas intervencións levaranse a cabo no período non lectivo, de forma que non supoñan molestia para o alumnado", sinala Cameán. Estas melloras do patio, que se executarán despois do remate do curso, serán o axardinamento da zona 'c' --que se realizarán tamén a través do Obradoiro de Xardinería de Emprego--. Unha vez sexa executado este último espazo, instalaranse xogos --barras para volteretas, xiratorio e tubos--. De seguido, "e en función do que considere prioritario comunidade escolar, á hora do seu establecemento", especifica a concelleira, procederase á implantación da tarima/escenario e outros elementos como o rocódromo horizontal, as mesas de tenis de mesa, ou as canastras, un equipamento que o centro deberá solicitar á Consellería de Educación. Máis adiante, de cara o vindeiro ano, o Concello levaría a cabo as actuacións máis estruturais, como son as cubertas, a cubrición lateral da pista cuberta e a corrección das deficiencias da pavimentación.

Alén destas intervencións, nas que o Goberno local "acompañará á comunidade do CEIP durante o deseño e elaboración dos elementos", segundo explica Claudia Delso, o executivo coruñés continuará realizando tarefas de mediación, "tal e como se comprometeu co Consello Escolar desde o inicio". "Este Concello ten a intención de seguir a colaborar no proceso a través do labor de mediación, alén do propio que se faga en relación coas obras, e no que se profundará, en concreto, na relación do centro escolar co barrio de Monte Alto". "O proceso de O Noso Patio non remata coas actuacións e reformas, que se prolongarán nos próximos meses, senón que ten vocación de continuidade, á fin de acompañar á comunidade no desenvolvemento da súa relación coa contorna máis próxima, o barrio, e a rexeneración do mesmo", afirma a edil.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión