23 de decembro de 2016
O concelleiro de Deporte, José Manuel Sande, sinala que o proxecto, que se fará en colaboración coa Universidade da Coruña, “dotará de infraestruturas deportivas necesarias á cidade para que as e os atletas locais poidan empregadas no seu entreno”
O Goberno local destinará 300.000 euros ao proxecto de renovación e acondicionamento das pistas do atletismo do estadio situado no Campus de Elviña, as únicas da cidade destinadas para a práctica deste deporte. As obras de mellora desenvolveranse a través dun convenio coa Universidade da Coruña, entidade responsable das instalacións, e serán executadas o ano que vén, unha vez sexan licitadas pola UDC. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, valora positivamente "este novo acordo cunha institución de excelencia, e que supón un dos principais referentes dun modelo de cidade viva, de coñecemento e aberta". "Esta semana vimos de referendar a aposta do Goberno local, a través da cooperación coa Universidade, pola difusión da cultura científica. Esta é unha mostra máis de lealdade institucional e de compromiso coa cidadanía da Coruña, a colaboración entendida para poñer o ben común da cidade por enriba de calquera circunstancia", sinala o edil.
"Este convenio non só reforza a idea de servizo público dunhas instalacións, senón que é tamén unha resposta ao baleiro coa que se atopan as e os atletas locais desde a desaparición, nos anos 90, das pistas de Riazor", di o titular de Deporte. O concelleiro cualifica de "xenerosa" a achega do Goberno local contemplada nos presupostos municipais de 2016 para a obra, "tendo en conta que as instalacións non son municipais nin de uso exclusivo da comunidade universitaria, pero si responden ao interese común da veciñanza", explica Sande, quen lembra que, no marco dun convenio asinado no ano 2013, as pistas están abertas ao uso público por parte das e dos deportistas. "Nestes momentos as instalacións presentan un deterioro moi acusado, polo que é necesario actuar de forma ambiciosa e acondicionalas para que poidan ser empregadas non só polas e polos universitarios, senón tamén por todas e todos os atletas locais que así as necesiten no seu día a día", especifica.
O convenio, que se asinará nos próximos días, sinala que as obras terán un custo que ascende aos 500.000 euros, dos que o Concello da Coruña aportará 300.000 euros, tal e como se aprobará na Xunta de Goberno local do próximo luns, día 26. Estas melloras se realizarán no ano 2017, unha vez sexan licitadas pola Universidade, "e se desenvolverán naquel período que ocasionen menos molestias para o desenvolvemento da práctica deportiva", expón o responsable municipal. As pistas destinaranse ao servizo deportivo que se presta na actualidade, e deberán estar gratuítamente á disposición para o entreno das e dos atletas que pertencen a clubs con sede social na cidade, e cun horario semanal nunca inferior ao 35% das horas totais da instalación.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible