14 de decembro de 2016
O concelleiro Alberto Lema salienta a aposta do Goberno local “por un modelo empresarial que se centra nas persoas, no ben común e que fixa o emprego”
O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentou esta mañá o seminario 'Oportunidades de Emprego a través da Economía Social e das Novas Economías', unha iniciativa aberta á cidadanía que se desenvolverá o próximo venres, 16 de decembro, no Centro Cívico Os Mallos. A proposta, organizada coa colaboración da Unión de Cooperativas de Traballo Asociado (UGACOTA), "segue a liña da aposta do Goberno local polo fomento do emprego a través da economía social e do cooperativismo", segundo especificou o responsable municipal, "porque é un modelo empresarial que fixa o emprego". "Nun momento no que a deslocalización empresarial está a orde do día, e que provoca peores condicións laborais para o cadro de persoal, o cooperativismo fixa o emprego, porque o seu gran capital son as súas traballadoras e os seus traballadores", explicou Lema, quen saudou que estas entidades "non busquen a maximización de beneficios, senón que estes revistan no ben común, tanto nas propias empresas como que se distribúan entre as e os cooperativistas". "En tempos de crise, este modelo, xerador de riqueza, demostrou que non adopta as solucións máis simples, como outros, senón as que se basean na solidariedade e manteñen vivo o proxecto empresarial, e se centran nas persoas", afirmou.
O seminario, no que participarán representantes de entidades recoñecidas a nivel estatal, como Mondragón, Coop57, ou galegas, como Nós Enerxía ou Zocaminhoca, pretende dar a coñecer realidades económicas e oportunidades de emprego no ámbito da economía social e das coñecidas como novas economías, unha proposta que pecha así "un ano no que desde o Concello se realizaron diversas actividades nesta liña, como obradoiros no Viveiro de Empresas da Grela --da que naceu a primeira cooperativa xuvenil galega, que será unha perruquerría-- ou mesmo o propio programa Semente, na que o alumnado coruñés entrou en contacto co modelo empresarial do cooperativismo", explicou o titular da área de Emprego.
Durante o seminario, tal e como explicou o técnico de UGACOTA que acompañou ao edil, Tino Gago, expoñeranse as características das distintas fórmulas, "ás veces descoñecidas, pero que teñen moita importancia", distinguindo entre "social, colaborativa, ben común e outras modalidades", como os principios de funcionamento e as entidades que forman parte delas, ademais de poñer sobre a mesa casos reais, de éxito ou referencia, "para dar a coñecer un modelo que comparten nestes momentos máis de 2.230.000 persoas e 43.000 entidades no Estado".
A inscrición no seminario, que é gratuíto, pode realizarse a través da páxina web http://seminario.ugacota.coop/, na que se atopará toda a información sobre as e os relatores, así como os distintos horarios dos parladoiros e mesas redondas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible