9 de setembro de 2016
A edil Silvia Cameán sinala que a petición, feita polo Consello escolar do CEIP, “abre a posibilidade a que outros colectivos e asociacións da zona tamén poidan facer as súas achegas respecto ao futuro do barrio”
A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, deu conta na xuntanza de onte do Consello Escolar Municipal das medidas e programas educativos que a súa área porá en marcha ao longo deste curso 2016/17, que comezará o vindeiro luns, día 12, nos centros de Eduación Infantil e Secundaria. Ademais dos proxectos de conciliación e ampliación de actividades extraescolares, así como a gratuidade das mesmas para as e os beneficiarios das bolsas comedor, o Concello iniciará este ano un novo proceso participativo no barrio de Monte Alto, o primeiro que xirará arredor da comunidade educativa. Será no CEIP Sanjurjo de Carricarte, "a petición do propio Consello Escolar do centro", segundo indica a concelleira, "e que permitirá que a comunidade educativa, así como outros colectivos do barrio, desenvolvan e deseñen o funcionamento e usos que terá o patio e os seus accesos".
O Noso Patio, que así se denominará este proxecto "de carácter aberto e dinámico", explica Cameán, "nace coa finalidade de fomentar a participación e implicación da comunidade educativa na vida escolar a través dun proceso colaborativo, no que entre todas e todos decidan como mellorar o funcionamento do centro, para que sintan o colexio como algo propio". "As nenas e nenos, pasan moitas horas do día nestes espazos, nos que xogan e aprenden cada día, ao igual que o seu profesorado. Cremos que, de cara unha reformulación da infraestrutura, é fundamental que se teñan en conta as necesidades e desexos das persoas que conviven e interactúan nela, así como do resto da comunidade", expón a responsable de Xustiza Social.
Este proceso, que se realizará en colaboración coa Concellería de Participación Cidadá e Innovación Democrática, desenvolverase en distintas fases. Na primeira terá lugar a organización dos colectivos implicados no CEIP --alumnado, familias, profesorado, persoal de conserxería e limpeza--, e estará aberta á participación doutros grupos relacionados directa ou indirectamente co centro, como asociacións veciñais, culturais ou deportivas do barrio, na que definirán as actuacións que se desenvolverán nun primeiro momento no centro. "Este Goberno considera imprescindible que as entidades do barrio, como axentes sociais que traballan, viven e centran a súa actividade en Monte Alto, colaboren, fagan as súas achegas e axuden a definir o futuro do mesmo, a través da definión colectiva dos usos dun enclave dunha institución de primeira orde e votal para o desenvolvemento das nenas e nenos como é un centro de ensinanza pública e, neste caso, o seu patio", explicou a concelleira, quen avoga porque "esta ferramenta sexa non só un modelo para o barrio ou a cidade, senón que favoreza o exercicio dunha cidadanía crítica".
"Este Goberno comprometeuse desde o primeiro día coa educación pública, e a defensa férrea da calidade da mesma, así como na apertura dos centros escolares ao barrio. Primeiro apostamos pola recuperación dos espazos, abandoados pola Xunta e a anterior corporación. Fixemos a maior inversión en obras e reparacións en centros escolares que este Concello viviu na súa historia, cunha orzamento superior ao millón de euros, e seguiremos mantendo o noso compromiso cos centros de educación pública da Coruña. Agora iniciamos un proxecto piloto, solicitado pola propia comunidade educativa, que entendemos que debemos acompañar e poñer en valor, así como facilitar o seu desenvolvemento", explicou a edil.
A Concellería de Xustiza Social destinará 6.000€ para a fase inicial deste proceso participativo, que comezará no outono, e que contará cun equipo que realizará as funcións de mediación, dinamización e coordinación de achegas dos colectivos implicados no proceso.

8 de decembro de 2025

6 de decembro de 2025

27 de novembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible