4 de abril de 2017
A responsable de Medio Ambiente, María García, destacou os bos resultados da anterior edición, posta en marcha polo Goberno local, e salientou a participación este ano de ata dez institucións educativas, cuxo alumnado fará as súas propias propostas para deseñar unha campaña de sensibilización co ecosistema mariño
O Concello da Coruña vén de poñer en marcha a segunda edición do programa de educación ambiental Móllate!, que ten como obxectivo sensibilizar a mocidade e cidadanía en xeral da importancia da saúde dos ecosistemas mariños, e que se centra especialmente na festa de San Xoán, na procura de minimizar o seu impacto sobre a contorna natural. "Tras os bos resultados acadados o pasado ano, decidimos volver a poñer en marcha esta iniciativa, e que implica a moitos centros educativos da cidade", indicou a concelleira de Medio Ambiente, María García, que destacou que este ano, o programa Móllate! ampliarase, ao chegar a máis institucións educativas e colectivos (cun máximo de 10). Polo momento, as accións formativas desta campaña de sensibilización e educación ambiental contan coa participación tanto do IES da Sardiñeira como do Eusebio da Guardia, así como a Fundación Juan Soñador, e o alumnado da UDC, a Universidade Senior e do Ciclo de Animación Sociocultural da Coruña. Tras un proceso formativo, o alumnado participante deseñará distintas campañas de sensibilización que serán presentadas ante a Concellería de Medio Ambiente, que as valorará e executará. O programa aínda está aberto aos centros escolares que desexen participar no mesmo. Para inscribirse deben dirixirse á propia Concellería de Medio Ambiente, a través da web medioambiente@coruna.es, ou no teléfono 981184337.
García destacou o "especial impacto" que teñen campañas de sensibilización e educación ambiental como é o caso de Móllate! que "achegan aos grupos participantes a problemática global dos residuos nos océanos dun xeito lúdico e crítico, e provocan a reflexión sobre os xestos cotiás individuais e colectivos partindo dun momento común para todos como é San Xoán". "Móllate! desenvolverá accións de sensibilización deseñadas polos propios colectivos participantes, e buscarán o impacto e a concienciación de cara a ter un San Xoán verdadeiramente sostible", indicou. "A veciñanza en xeral ten que darse conta de que ten capacidade, e moita, para intervir na cidade, e ser protagonista dunha acción para mellorar A Coruña", comentou. "O San Xoán é unha festa especialmente identitaria da cidade, caracterizada pola mestura de tradición e modernidade e con enorme afluencia de xente que se autorganiza, algo que nos parece especialmente saudable. Non obstante, a outra cara da moeda é o seu impacto ambiental, con gran produción de residuos e plásticos", comentou a responsable municipal, quen non obstante destacou a redución experimentada o pasado ano, facendo notar os resultados moi positivos acadados nos areais de Oza, As Lapas e San Amaro, así como destacables en Riazor. "A campaña foi moi felicitada o ano pasado pola veciñanza, e notouse o seu impacto, polo que esperamos seguir adiante este ano", comentou.
Desta forma, até maio os centros e colectivos participantes realizarán distintas actividades con educadores e educadoras. En concreto, haberá sesións de traballo nos centros de escolares cos grupos de traballo denominados Mares de Plástico, onde se analizarán as problemáticas que ameazan ao ecosistema mariño nas nosas vidas. Tamén se promocionarán as actividades de carácter propio, xa que grupos participantes e profesorado implicado en Móllate! comezarán a traballar nas premisas expostas e as relacionarán coa súa contorna máis próxima. Entre as actividades previstas tamén se encontra a denominada LIADA (Laboratorio de Ideas de Acción Directa e Animosa). Neste caso, os e as participantes poñen en común todo o tratado e se reflexiona sobre o que acontece na noite do San Xoán. Finalmente, se leva a cabo o deseño de accións de sensibilización.
"As ideas que se acaden serán presentadas ante a Concellería de Medio Ambiente para a súa valoración e execución. O pasado ano colgáronse lonas, fixéronse producións audiovisuais e incluso se gravaron cuñas de radio. Toda unha campaña de comunicación deseñada polo alumnado da cidade", incidiu a concelleira García. Con respecto aos programas específicos, á marxe de Móllate! que se levarán a cabo por parte da Concellería de Medio Ambiente con respecto á festa de San Xoán, estes serán presentados en breve.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible