Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de xuño de 2016

O Concello publicará un bando onde autorizará as churrascadas e sardiñadas na rúa sen comunicación previa nas festas de San Xoán

O alcalde Xulio Ferreiro, sinala que a medida do Goberno local para regularizar a realización de grellas durante o resto do verán responde “á falta de normativa sobre as mesmas, xa que non as permitía”

O Concello publicará a vindeira semana o bando coas recomendacións específicas para a noite de San Xoán, unhas festas nas que a cidadanía poderá facer as súas churrascadas e sardiñadas no espazo público sen necesidade de comunicalo previamente ao Concello. Así o confirma o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, quen sinala que a festa de San Xoán ten un "réxime especial no que as normas neste eido serán aínda máis laxas" que as estipuladas no regulamento para actividades estivais referidas a barbacoas, churrascadas, sardiñadas e similares, publicado esta mesma semana e do que queda fóra a noite de San Xoán "para dar máis permisividade durante esas datas", para que as veciñas e os veciños poidan festexar o San Xoán por toda a cidade, agás nas zonas consideradas perigosas, como as situadas sobre o trazado completo do oleoducto, a contorna vexetada da Torre de Hércules -menos nas praias da zona, que si estarán permitidas-, a Praza das Bárbaras, os xardíns de San Carlos, os xardíns de Méndez Núñez, o Monte de San Pedro e Parque de Bens, e nas zonas arboradas do Barrio das Flores e do Parque de Santa Margarida.

A medida, que estará vixente entre a data de publicación e o día 30 deste mes, permitirá todas as churrascadas e sardiñadas sen unha solicitude, comunicación e autorización municipal previa, o que vai máis alá do regulamento para este tipo de actividades durante o resto do verán, onde si se requirirá unha comunicación á área municipal de Mobilidade cunha antelación de dez días como mínimo. "Unicamente haberá que comunicalas, para que os servizos municipais poidan constatar  que non se queren facer nun sitio inapropiado por cuestións de respecto ao patrimonio, ou de arboredo, e, ademais, que se cumpren as mínimas normas de separación de lugares perigosos, como pode ser o trazado do oleoduto, e de seguridade", explica o alcalde, quen indica que a regulación establecida polo Goberno municipal para realizar grellas no verán púxose en marcha esta semana para "acabar coa situación de excepcionalidade" que ata esta data afectaba a  estas actividades, "xa que a normativa non as permitía, aínda que se realizaban igualmente".

Ferreiro insiste non obstante en que a normativa, que funcionará ata o 30 de setembro, non estará vixente para o San Xoán. Para esta noite, o Goberno local estableceu unha serie de medidas ambientais, co obxectivo de ir reducindo o impacto que teñen as celebracións sobre os espazos comúns e facer destas festas unhas datas máis sustentables. Para iso, durante a noite de San Xoán, o Goberno municipal reforzará a presenza dos puntos de depósito de lixo nas praias de Riazor, Orzán, Matadoiro, San Amaro, Oza e Lapas ao dotalos de maior visibilidade -a través de globos con ilumación LED, lonas reflectantes e monitoraxe- así como ao longo de todo o Paseo Marítimo, no que se establecerán infraestruturas de grande accesibilidade con distintos contedores segundo o tipo de residuo, á fin de facilitar e fomentar a separación en orixe nas festas, con especial incidencia na recollida de vidro en colaboración con Ecovidrio. Nestes puntos tamén se establecerán 14 zonas de reparto de madeira limpa -e sen pezas puxentes-, que comezará ás 19.30 horas do día 23 de xuño, para evitar a queima nos areais durante a celebración de produtos inflamables e tóxicos.

En canto ás fogueiras, o dispositivo medioambiental do Concello sinala que todas aquelas persoas con intención de realizar lumeiradas na noite de San Xoán, deban comunicalas antes do día 23 ás 15.00 horas, e lembra que todas aquelas cacharelas que se acendan deberán situarse a unha distancia mínima de 20 metros das árbores e 5 metros da vexetación, segundo as indicacións establecidas polo Distrito Forestal. Este ano, ademais, estableceranse zonas sensibles nas que non se autorizará a realización de fogueiras por cuestión de patrimonio ou arboredo, como son o trazado completo do oleoducto, a Praza das Bárbaras, a contorna da Torre de Hércules -agás nas praias, nas que se poderán facer-, o Monte de San Pedro e o Parque de Bens, os xardíns de Méndez Núñez e os xardíns de San Carlos; así como nas zonas arboradas do Parque de Santa Margarida e do Barrio das Flores, e nos arboredos situados en San Pedro de Mezonzo -os plántanos situados xunto á ronda de Nelle- e nas proximidades da Estación de Autobuses.

Outros espazos nos que as fogueiras teñen un imporante arraigo entre a veciñanza serán considerardos "de especial coidado" polo seu importante valor natural e patrimonial. Nestas zonas, a área de Medio Ambiente acordou establecer medidas preventivas coas entidades organizadoras das cacharelas da Praza da Fariña, Praza de Monforte, Campo da Leña ou o Campo de Marte para evitar danos á vexetación e aos bens públicos.

O Concello puxo en marcha unha web, http://sanxoancoruna.es, con toda a información relativa á festa e as actividades que a arrodean, así como todas as medidas concretas para acadar unha festa máis sustentable.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión