26 de setembro de 2017
O alcalde participou esta mañá na sinatura do acordo, que regula a colaboración das tres partes en actividades que “reforcen a imaxe da Coruña” durante este ano
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinou este martes con representantes da Cámara da Coruña e de Iberia o convenio que formaliza o acordo acadado desde o Consorcio de Turismo con estas dúas entidades para a promoción da Coruña como destino de investimentos empresariais, de turismo e congresos. Este convenio, tal e como salienta o rexedor, vén referendar o protocolo asinado polo Consorcio, a Cámara e Iberia en xuño deste ano, e unha carta de intencións previa, para dar rendemento á "oportunidade de establecer accións de colaboración, que reforcen a imaxe da Coruña, usando como medio tanto a publicidade como as rutas e frecuencias e colaborando todas as partes en mellorar o atractivo da cidade como destino turístico, comercial, industrial ou cultural en diferentes mercados", así como a potenciación de determinadas actividades, eventos ou oportunidades empresariais relacionadas coa Coruña, "especialmente aqueles cos que a cidade estea directamente conectada, ou con destinos ou puntos de orixe nacional ou internacional, por vía aérea". En concreto, o acordo establece a promoción da cidade a través dos medios de comunicación escrita da compañía aérea, como son as revistas Ronda e Excelente, e dun concurso nas súas redes sociais.
No acto de sinatura celebrado esta mañá no pazo de María Pita tiveron intervención, xunto co alcalde, o presidente da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña, Antonio Couceiro, o seu director, Gonzalo Ortiz, e o director de Ventas España de Iberia, Víctor Moneo, ademais do concelleiro de Emprego e Emprego e Economía Social, e presidente do Consorcio de Turismo, Alberto Lema, e a xerente de Turismo, Lanzada Calatayud. O convenio, que regula a colaboración das tres partes durante o presente exercicio, ten efectos retroactivos a 1 de marzo, para o desenvolvemento de actividades promocionais da imaxe da Coruña como destino turístico, congresual, empresarial, de investimentos e de actividades económicas de primeira orde.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible