10 de xuño de 2017
A intervención provocará o corte ao tráfico, en distintas xornadas, dos viarios soterrados de María Pita-Mariña-Parrote, praza de Pontevedra, praza de Lugo, Enrique Salgado Torres, Eduardo Diz e Terceira Ronda
A Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, área que dirixe o edil Xiao Varela, realizará desde do vindeiro luns, 12 de xuño, até o xoves día 15, traballos de mantemento e limpeza no sistema de túneles da cidade. Estas intervencións, que se realizarán en horario nocturno para minimizar o impacto desta actuación na vida cotiá da veciñanza, terán lugar nos viarios soterrados de María Pita, Mariña e Parrote, da praza de Pontevedra, Praza de Lugo, Enrique Salgado Torres, Eduardo Diz e da Terceira Rolda, polo que o Goberno local recomenda á cidadanía empregar itinerarios alternativos aos habituais durante as xornadas que teñan lugar as labores de mantemento. Para estes traballos de limpeza, no que se contarán con equipos e vehículos especializados, usaranse deterxentes biodegradables e unha cantidade aproximada de 80 metros cúbicos de auga.
Así, nas noites desde o luns 12 até o xoves 15, os distintos viarios sufrirán cortes totais ao tráfico entre as 23.00 e as 07.00 horas, momento no que se recuperará a circulación en todo o sistema de túneles. Na noite o día 12, o primeiro corte total producirase no viario de María Pita-Mariña-Parrote, excepto para a entrada e saída do estacionamento de María Pita pola boca da Mariña. O acceso ao aparcadoiro do Parrote será, pois, a través da superficie, e no do Palexco cortarase o acceso desde a avenida do Porto, permitindo a saída.
O día 13, o tamén desde as 23.00 horas, non estará permitida a circulación no viario María Pita-Mariña-Parrote, excepto para o estacionamento de María Pita, que terá a súa entrada e saída pola praza das Atochas. Como na noite anterior, o acceso ao aparcadoiro do Parrote será pola superficie e non estará habilitado o acceso ao estacionamento do Palexco desde a avenida do Porto. Ademais, desde as 03.00 e até as 07.00 horas, momento no que se reestablecerá o tráfico en todo o sistema de túneles, cortarase o acceso ao viario soterrado da praza de Lugo, excepto para a entrada e saída das persoas usuarias do estacionamento, polo que se colocarán señalistas á entrada do túnel para colaborar con este acceso.
Na noite do 14 de xuño, cortarase o acceso ao tráfico do túnel Enrique Salgado Torres, sentido centro comercial, desde as 23.00 até as 03.00 horas, momento no que se abrirá este sentido de circulación, e pecharase o sentido cara a AC-14, desde as 03.00 e até as 07.00 horas. Esa noite tamén estará pechado a circulación o viario soterrado da praza de Pontevedra desde as 23.00 horas até as 07.00 horas na saída cara a praza de Pontevedra, mentres que si permanecerá aberta a saída cara ao Paseo Marítimo.
Finalmente, na noite do día 15, producirase un corte no túnel da praza de Pontevedra, saída praza de Pontevedra --coa saída cara ao Paseo Marítimo aberta--, entre as 23.00 e as 02.00 horas. A partir deste momento, producirase o corte total do viario até as 07.00 horas, e o acceso ao aparcadoiro realizarase por Juana de Vega e Praza de Mina. Esta noite tamén terá lugar o corte total do viario soterrado Eduardo Diz --accesos pola rúa Severo Ochoa e avenida de San Cristóbal-- desde as 23.00 até as 04.00 horas, e producirase un estreitamento de calzada no túnel da Terceira Rolda desde as 03.00 até as 07.00 horas, con tráfico habilitado cara a ambos sentidos do viario soterrado.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible