24 de agosto de 2015
A Autoridade Portuaria non pode esixir que o Concello atenda os seus compromisos económicos cando esta aínda non cumpriu coas súas obrigas legais
O Goberno local confía en acadar un acordo coa Autoridade Portuaria na reunión do martes e iniciar o proceso para o outorgamento de autorización municipal para as obras ou, no seu caso, para axustalas ao planeamento vixente
O Goberno local recórdalle á Xunta as súas competencias sobre os terreos da Mariña en caso de irregularidade urbanística, como é a ausencia de autorización ou licencia municipal de obra, e lembra que, tal como explicita o artigo 213 da Lei 9/2001, LOUG relativo á protección da legalidade en zonas verdes, espazos libres, dotacións e equipamentos públicos, é a conselleira de Medio Ambiente e Infraestruturas quen ten a competencia sobre os procesos para repoñer a legalidade urbanística en espazos que, como ocorre cos terreos da Mariña, están cualificados como libres ou zonas verdes, calquera que sexa a categoría do solo.
Neste sentido, o Goberno coruñés considera que as declaracións da conselleira de Medio Ambiente sobre a falta de competencia autonómica no caso da Mariña son froito dun erro involuntario ou do esquecemento d unha normativa legal que claramente lle atribúe a dita conselleira a competencia, e que estas afirmacións contraveñen tanto o texto legal como as propias actuacións da consellería. Estima o Concello que, de ser certo e axustado a dereito o declarado pola conselleira, a Consellería de Política Territorial e a Axencia de protección da Legalidade Urbanística (APLU) terían que revisar de oficio as ordes de reposición de legalidade urbanística ditadas sobre zonas verdes e espazos libres en solo urbano consolidado en toda Galicia, incluídas ordes de demolición, e indemnizar aos propietarios polos danos e prexuízos causados.
Neste contexto, o Goberno municipal da Coruña agarda que na xuntanza prevista para o martes coa Autoridade Portuaria se poida acadar un acordo en relación co axuste a legalidade das obras da Mariña/Parrote, acordo que necesariamente ten que pasar polo procedemento de outorgamento de licenza ou autorización municipal ás obras de urbanización realizadas ou, no seu caso, o axuste das mesmas ao planeamento urbanístico vixente. Para iso, a Autoridade Portuaria ou a concesionaria das obras deben solicitar a correspondente licenza ou autorización municipal, axuntando o proxecto técnico correspondente, no que se recollan debidamente, en memoria e en planos, as obras efectivamente realizadas.
Unha vez máis, o Goberno coruñés reitera que o incumprimento dos convenios por parte da Autoridade Portuaria en relación coas obras realizadas trae consecuencias, e que non se pode esixir do Concello o cumprimento dos seus compromisos económicos nas obras da Mariña cando a Autoridade Portuaria incumpre as súas obrigas, dentro das cales está a de obter as licenzas e autorizacións esixidas legalmente.

18 de decembro de 2025

17 de decembro de 2025

17 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible