14 de xuño de 2016
O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, avanza que o Goberno municipal "proseguirá as súas actuacións administrativas e xudiciais" para eludir o derrubo e censura que o conflito deriva do tipo de xestión urbanística que presidiu épocas anteriores no Concello da Coruña
O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, informou este martes de que o Concello recurrirá o auto ditado recentemente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en relación ao edificio Conde de Fenosa, co obxectivo de que o tribunal estime o incidente de inexecución da sentenza promovido en decembro de 2015 pola administración local para evitar o derrubo do inmoble. Nos próximos días, o Goberno local interporá un recurso de reposición contra esta última resolución da sala do contencioso administrativo do alto tribunal galego. "Cremos que neste momento procesual aínda é posible plantexar o incidente de inexecución", sinala Varela, que explica que o auto que rexeita esta posibilidade se sustenta nunha sentenza do Tribunal Supremo de marzo deste ano que, a súa vez, anulaba dous autos anteriores do propio TSXG. "Estes dous autos respaldaban as actuacións do Goberno local que culminaron co acordo de legalización do edificio -aprobado en Xunta de Goberno Local o 23 de outubro de 2015-, que incluía a demolición de certos elementos arquitectónicos de Conde de Fenosa", expón o concelleiro, e argumenta que o último auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia "vai máis alá do que di a propia sentenza do Supremo, xa que esta non impide plantexar o incidente de inexecución por imposibilidade legal". "O auto non se axusta aos fundamentos e fallo da sentenza do Supremo, por canto dita resolución non impide a legalización do inmoble con demolición parcial", incide o concelleiro, quen subliña que nin o ditame último do TSXG nin o anterior do Supremo anulan o acordo municipal para a legalización do Conde de Fenosa.
Neste sentido, o concelleiro lembra que a resolución do Tribunal Supremo instaba a continuar a execución da sentenza que anulou a licenza das obras de rehabilitación do inmoble "mentres non se declare con arreglo á lei e ao dereito a imposibilidad de executala". "Isto é precisamente o que estamos pedindo, que se declare a imposibilidade", salienta, e recorda que o incidente de imposibilidade legal presentado polo Concello ten amparo no artigo 105.2 da Lei da xurisdición contencioso-administrativa, tal e como recoñecía o ditame de marzo do Supremo. "O Goberno municipal proseguirá as súas actuacións administrativas e xudiciais tendentes a evitar a demolición total do dito edificio cando, como é o caso, o planeamento vixente (o PXOM do 2013) outorga cobertura urbanística á súa práctica totalidade, agás as demolicións parciais que xa se contemplaban no proxecto autorizado polo acordo municipal do 23 de outubro do ano pasado", observa.
Do mesmo xeito, o responsable municipal recorda que o conflito do Conde de Fenosa ten preto de dúas décadas e deriva "da mala xestión urbanística que presidiu o Concello en épocas pasadas", e destaca que ningún dos sucesivos gobernos locais ata o momento foi quen de darlle unha solución. "O actual goberno está buscando unha vía que garanta os dereitos da cidade e da propia administración local, e tamén das persoas propietarias", destaca Varela, que chama á "cautela".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible