18 de marzo de 2017
O artista actuará no recinto municipal, no marco da xira ‘Lo niego todo’, o próximo 22 de xullo.
O próximo luns, 20 de marzo, ás 10.00 horas, sairán á venda as entradas para o concerto que Joaquín Sabina ofrecerá o próximo 22 de xullo no Coliseum, ás 22.30 horas. Co obxectivo de facilitar a adquisición de localidades por parte da cidadanía, a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) reforzará o servizo de venda do despacho de billetes da praza de Ourense incrementando o seu persoal durante esta xornada. Este dispositivo especial que se despregará o luns, segundo indica o edil José Manuel Sande, titular da área, "responde á previsible demanda que se poida producir, ante a expectación que está a xerar o concerto", polo que, "para evitar incomodidade" á veciñanza que se desprace até o quiosco municipal na mañá dun día laborable, "duplicarase o servizo de atención ao público, á fin que a venda se produza coa maior normalidade posible".
En total haberá 6.500 localidades dispoñibles para o concerto de Sabina, no que presentará o seu novo traballo, Lo niego todo. As entradas poderán adquirirse, de forma presencial, desde as 10.00 horas da mañá no despacho da praza de Ourense, que abrirá ao público no seu horario habitual --09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.00 horas--. Ademais deste recinto municipal, as localidades, cuxo prezo se sitúa desde os 38 euros --tendido alto-- até os 90 euros --platea, das filas 1 á 8--, tamén estarán á disposición da cidadanía a través da web www.ticketea.com
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible