Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de setembro de 2017

O Concello referenda, cunha nova edición do Concurso de Tapas Picadillo, "a súa aposta pola excelencia gastronómica da Coruña como polo xerador de turismo e economía"

O presidente do Consorcio de Turismo, Alberto Lema, insiste en que “a calidade da cociña coruñesa é salientada polos e polas visitantes como un dos principais reclamos da cidade”

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentou esta mañá a XIV edición do Concurso de Tapas Picadillo, polo que entre o 15 de setembro e o 1 de outubro, 69 establecementos da cidade ofertarán distintas tapas elaboradas de forma artesanal, cuxo prezo está comprendido entre 1 e 3,50 euros. Será a propia cidadanía, ademais dun xurado especializado, a que decida que cociñas son as gañadoras. Como en anteriores edicións, o Picadillo --que toma o seu nome de Manuel María Puga e Parga, quen foi alcalde da cidade entre 1915 e 1917 e chegou a realizar un coñecido libro de receitas-- contará con distintas categorías. En concreto, das 93 tapas que se propoñen en establecementos de toda a cidade, 48 participarán no concurso "tradicional", e 45 no "creativo", existindo tamén 29 pratos que serán ofertados cun viño de denominación de orixe galega dentro da categoría "maridaxe". O responsable municipal destacou que "segundo os estudos realizados, a maioría dos e das turistas e visitantes colocan a gastronomía coruñesa como un dos seus principais ítems de atractivo". "Este ano o Picadillo será publicitado tamén en distintas liñas de voo en base ao convenio que o Concello ten establecido coa compañía Vueling, que opera no aeroporto de Alvedro", comentou.

Como sempre, o Picadillo contará con distintas fases. Na primeira nomearanse aos e ás expertas independentes pertencentes ás escolas de hostalería que serán as encargadas de visitar os establecementos durante os días de concurso, valorando as tapas, e pasando á segunda fase aquelas 10 que obteñan maior puntuación. Posteriormente, outro xurado experto valorará os pratos seleccionados (as participantes na galería de maridaxe serán valoradas por un xurado de sumilleres da Asociación Galega de Sumilleres Gallaecia e da D.O. Ribeiro). Ademais, de xeito paralelo, durante os días que dure o concurso, o público poderá votar ás tapas participantes mediante cupóns de votación e urnas habilitadas para tal fin en cada un dos establecementos.

O concurso de tapas busca a participación directa da cidadanía, polo que tamén existen premios. Entre as persoas participantes sortearanse sete establecementos e ceas en establecementos gañadores, 5 vales de compra de 50 euros para consumo nos mercados coruñeses, 4 bonos Termaria en Familia, noites en hoteis da cidade, e 4 premios dobres para unha ruta en veleiro.

Por outro lado, entre os galardóns aos establecementos participantes figuran, o Premio á mellor Tapa Creativa, á mellor Tapa Tradicional, dotados cada un con 1.500 euros, e o premio á mellor Maridaxe con viños, que consiste nunha visita e cata a bodegas galegas para 2 persoas en réxime de pensión completa. Estes serán os trofeos entregados polo xurado especializado, aínda que tamén se entregará o Premio Picadillo Cidade da Coruña, cuxo gañador sairá escollido a través da votación popular. Neste caso, o premio tamén é de 1.500 euros.

A xerenta do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, tamén presente na rolda de prensa, salientou que, como nas últimas edicións, o concurso de tapas estará ademais acompañado de actividades para todos os públicos, como é o caso dos Talleres Infantís Pequepincho, que terán lugar os sábados 23 e 30 de setembro no Mercado de San Agustín.

Para máis información > http://tapaspicadillo.coruna.es 

Documentos:

Folleto Picadillo 2017 1 (2 MB)

Folleto Picadillo 2017 2 (2 MB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión