8 de decembro de 2017
O concelleiro Xiao Varela salienta que a obra servirá para ampliar a beirarrúa no treito de Manuel Deschamps que conecta o final do Camiño do Pinar e para reforzar a seguridade viaria
O Concello da Coruña está a acometer unha obra de mellora da rúa Almirante Mourelle, en concreto, no treito entre a intersección coa rúa Manuel Deschamps e o inicio do Campo da Burra, que foi visitado polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro e polo concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela. Como explica o responsable desta área, con esta actuación, "o goberno local dá resposta a unha vella demanda da cidadanía da zona, que solicitaba unha renovación en condicións, a través dunha actuación de alto impacto". A actuación ten un custo estimado de 40.000 euros e servirá para renovar o saneamento e mellorar a calzada e a beirarrúa, para facela máis accesible, ademais de incluír pequenas intervencións que permitan reforzar a seguridade viaria nese punto.
A día de hoxe, e segundo o planeamento vixente, as actuacións neste treito deben limitarse a obras de renovación e mantemento, por estar integrada esta parte de Almirante Mourelle dentro do ámbito do Parque do Observatorio. Con todo, e segundo indica Varela, "é posible abordar moitas actuacións necesarias, que se terían que ter realizado hai xa anos". Así, neste momento estase a proceder á renovación da rede de saneamento e recollida de pluviais da rúa, debido ao mal estado de conservación que presentaba. Unha vez rematada a intervención no subsolo executarase o novo pavimento da calzada, que pasará a ser de formigón, "un material máis resistente e duradeiro, e que permite mellorar a carga do tráfico no terreo", incide o edil. Como avanza, a obra, que se prolongará as vindeiras semanas, incluirá tamén accións de estabilización do muro que salva a diferencia de altura entre a Rúa Almirante Mourelle e o Camiño do Pinar, así como a instalación dunha varanda en substitución da antiga varanda tubular e da reixa que a viña reforzando durante os últimos anos.
O concelleiro salienta que a actuación que terá "unha repercusión máis palpable na rúa" é a renovación e ampliación do treito de beirarrúa de Manuel Deschamps que conecta o final do Camiño do Pinar e Almirante Mourelle. A nova beirarrúa será, segundo expón, completamente accesible, con 3,15 metros de anchura. En paralelo, o Concello ten previsto dotar este treito de sinalización, de cara a reforzar a seguridade da rúa.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible