O
Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX), pertencente á Concellería de Participación e Innovación Democrática, pon en marcha o Programa de Acción Voluntaria “
Antenas de Información Xuvenil”. As AIX son unha rede de difusión de información de temática xuvenil, artellada polo CMIX, que se desenvolve en centros educativos públicos e de réxime especial (IES, CIFP, Escola Oficial de Idiomas, Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso e o Conservatorio Profesional de Música) e concertados coa etapa de secundaria da cidade. Cada AIX funciona como un servizo móbil de información dependente do CMIX, pero xestionado polo alumnado matriculado nos centros onde se desenvolve o programa até un máximo de tres persoas en cada equipo.
O proxecto está dirixido a persoas entre 15 e 30 anos de idade dispostas a difundir e manter actualizada a información nas AIX. As e os correspondentes obterán entradas a eventos organizados polo Concello da Coruña e recibirán gratuítamente o Carné Xove, o Carné de Alberguista e o Carné Internacional de Estudante, ademais de ter preferencia nalgúns dos programas realizados pola Dirección Xeral de Xuventude.
O alumnado interesado en ser correspondente das AIX para o curso 2015-2016 poderá presentar a súa solicitude até o 28 de outubro. Toda a información sobre o programa poderase obter no
Centro Municipal de Información Xuvenil situado no Fórum Metropolitano, chamando ao 981184294, ou na páxina web
www.coruna.es/cmix.