Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de xuño de 2016

O concelleiro de Culturas avanza a programación do Noroeste Estrella Galicia, que na súa 30º edición “entra na liga dos grandes festivais” con seis días de música e máis de 60 propostas en nove espazos da cidade

“Este ano definimos o Noroeste Estrella Galicia do futuro e, con el, unha parte da imaxe da cidade para os próximos anos, un concello que representa cultura de proximidade e de vangarda e que ten proxección internacional”, explicou José Manuel Sande

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou na mañá deste xoves as liñas xerais do que será o Festival Noroeste Estrella Galicia que, no seu 30 aniversario, se desenvolverá en até nove espazos diferentes da cidade, incluída a praia, entre os días 2 e 7 de agosto e contará coa actuación de máis de 60 artistas e bandas locais e internacionais. O responsable municipal, que na presentación levada a cabo na Fundación Luis Seoane estivo acompañado polo director de Comunicación e Relacións Institucionais da Corporación Hijos de Rivera, Antonio Viejo, salientou que "neste 2016 se define, dalgún xeito, o Noroeste Estrella Galicia do futuro, e con el, unha parte da imaxe da cidade para os próximos anos". "Toda esta cidade é noroeste, toda esta cidade e este festival representan unha cultura de proximidade e de vangarda, así como a nosa proxección cara ao exterior, a unha escala que, sen complexos, pode ser internacional", comentou o edil, que destacou que o evento "entra na liga dos grandes festivais". "É unha aposta de cidade que incide na cultura, no ocio, no turismo... dunha cidade culturalmente rica, dunha cidade da música", incidiu Sande, que reafirmou a "aposta musical" do Goberno local, escenificada en ciclos como Os Imprescindibles ou a Semana da Música, "ou a procura constante de concertos e actividade musical, e tendo como unha das nosas consignas a convivencia de distintos modelos, porque  nesta cidade existe unha enorme riqueza".

Nesta nova edición, e de forma novidosa, está programada a actuación de máis de 60 grupos (dos que o concelleiro adiantou o nome de 20 deles, que se atopan no arquivo adxunto e que tocarán fóra do areal), que actuarán en diversas zonas na cidade, ampliando o proxecto do Noroeste Expandido que o Goberno local puxo en marcha o pasado ano. En concreto, haberá actuacións tanto na Praia de Riazor, como no Castelo de San Antón, na Praza de San Nicolás, Praza das Bárbaras, Igrexa das Capuchinas, Fundación Luis Seoane, Casa-Museo Casares Quiroga, no parque do Paseo das Pontes e no Campo da Leña. Ademais das novas ubicacións, Sande destacou o "eclecticismo desta nova edición do Noroeste Estrella Galicia". "Este festival xa non pode ser só Pop-Rock, xa que cremos que hai que ampliar esa etiqueta; non só expandimos o número de escenarios e o número de bandas, senón que buscamos a pluralidade de estilos con voces femininas que pisan forte como Aries ou Carmen Boza, grupo míticos como Sex Museum o The Capaces, figuras de culto da escena americana e europea con visións experimentais como Ane Brun ou Neil Halstead, así como aqueles e aquelas artistas da escena galega, caso de  Pardo e Møura", indicou o concelleiro, para facer fincapé en que "tamén haberá rock máis duro". O concelleiro destacou ademais que o Noroeste Estrella Galicia terá unha clausura especial o domingo 7 de agosto, cunha sesión que se estenderá desde ás 12.00 horas da mañá até as 20.00 horas e que será para todos os públicos.

Tal e como sinalou o responsable municipal de Culturas, ademais do convenio de Hijos de Rivera, o festival ábrese nesta edición a novas colaboracións, a través do concurso de bandas de Cuac FM, "que vai facilitar a promoción das bandas  locais na praia" e do traballo do colectivo Nave 1839. "Motores ambos deses outros modelos culturais posibles da cidade, modelos de independencia cos que debemos convivir e non competir", subliñou.

Pola súa banda, o responsable de comunicación da Corporación Hijos de Rivera SL, salientou o  "compromiso sincero coa cidade e os seus proxectos" que representa o convenio asinado onte polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro delegado do grupo empresarial, Ignacio Rivera, para o impulso de proxectos de índole cultural e promoción da cidade, como é o Noroeste. "Comprometémonos para intentar sumar e desenvolver proxectos que fan cidade", salientou e, neste sentido, chamou a entender os 30 anos de traxectoria do Festival Noroeste como uns "cimentos fortes e arraigados para construír un proxecto de futuro, un gran festival de referencia estatal e no noroeste". "Temos unha grandísima oportunidade para a cidade, para situala como referente nese circuíto nacional e, por que non, nun futuro, tamén no internacional", considerou.

Documentos:

Dossier de avance do Noroeste Estrella Galicia (4 MB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión