16 de agosto de 2017
O ente municipal, presidido polo concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, repartirá 3.500 folletos, en galego, castelán e inglés, que poderán adquirirse nas oficinas de turismo
O Consorcio de Turismo vén de editar 3.500 exemplares, en galego, castelán e inglés, dunha nova guía de promoción turística da Coruña centrada neste caso nos escenarios literarios da cidade. O presidente do ente municipal e concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentou esta mañá a guía A Coruña Literaria, que se repartirá nas oficinas de turismo da cidade, pero que tamén estará presente nos establecementos hostaleiros da cidade. "Até o de agora nunca se plasmara nunha guía turística os lugares literarios e de memoria cos que contamos, aqueles onde viviron escritores, onde se ubican e ubicaron institucións relacionadas co mundo das letras e a promoción e defensa da lingua e onde se inspiraron", destacou o responsable municipal, que explicou que o folleto traza un percorrido por 11 escenarios distintos.
En concreto, as zonas da cidade nas que incide esta guía son os Xardíns de Méndez Núñez, Editorial Nós e Irmandades da Fala (Rúa Real, 36), Libraría Regional e Cova Céltica (Rego de Auga, 16), Pazo de María Pita, Casa Museo Museo Emilia Pardo Bazán, Casa Museo Rosalía de Castro, Campo da Leña, Cemiterio de San Amaro, Torre de Hércules e a antiga prisión provincial.
"Creo que os espazos escollidos non necesitan presentación nin xustificación, dende os xardíns de Méndez Núñez, con distintas esculturas, destacando a valiosa estatua de Curros, realizada por Francisco Asorey, até o legado das Irmandades da Fala. Estamos na cidade na que se impulsou o Rexurdimento e a defensa do noso idioma, na cidade da Editorial Nós e A Nosa Terra, na da Cova Céltica e a Libraría Regional de Carré Aldao", dixo Lema, que tamén destacou á Real Academia Galega, "espazo cedido no seu momento pola propia Emilia Pardo Bazán, referente das nosas letras". O concelleiro tamén destacou outras paradas obrigadas nesta guía, como a Casa Museo Rosalía de Castro ou o cemiterio de San Amaro "lugar emblemático onde, entre outros, están enterrados fundamentais impulsores do Rexurdimento como Murguía, Pondal ou Curros". "Facemos tamén unha merecida homenaxe a un dos nosos escritores máis internacional, Manuel Rivas, que ten no Campo da Leña o escenario da obra Os Libros Arden Mal, e propomos unha parada no antigo cárcere provincial, sendo as cárcere lugares por onde desgrazadamente pasaron unha parte destacada da intelectualidade galega durante a represión franquista, como é caso de Xosé Luís Méndez Ferrín, que iniciou alí a súa obra Retorno a Tagen Ata", dixo.
Alvedro
Noutra orde de asuntos, o concelleiro Lema destacou hoxe os datos coñecidos esta xornada sobre o tránsito de pasaxeiros do aeroporto de Alvedro que, segundo as cifras de AENA, captou entre xaneiro e xullo máis de 655.000 pasaxeiros e pasaxeiras, un 8,6% máis que o mesmo período do ano pasado. "Facemos unha valoración moi positiva dos datos, tendo en conta que é o mellor xullo que rexistra o aeroporto dende 2007. Estamos a ter cifras moi altas de ocupación polo que cremos que ao final de ano, o cómputo global será moi positivo xa que poderiamos chegar ao 1.100.000 pasaxes", comentou o edil.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible