2 de outubro de 2008
Francisco Vázquez repasa e asume como propios os argumentos cos que Salvador de Madariaga cuestionaba os nacionalismos.
Francisco Vázquez mírase no espello de Salvador de Madariaga e vese a si mesmo, coruñés, diplomático -entre outras facetas- e combatente dos nacionalismos e de quen os defende. A figura do intelectual, escritor, político e europeísta serviu de pretexto a Vázquez para, nunha máis das súas conferencias coruñesas como embaixador de España no Vaticano, atacar aos nacionalistas co legado teórico de Salvador de Madariaga como forza.
Na conferencia de clausura do curso que a Universidade Internacional Menéndez Pelayo dedicou ao intelectual coruñés, Vázquez profundou nas teses federalistas de don "Salvador", cuxo "pensamento político respecto da cuestión territorial e os nacionalismos" está "de rabiosa actualidade". "A súa figura e o seu pensamento ocúltanse agora intencionadamente mesmo nos libros escolares", sinalou o ex alcalde da Coruña e embaixador, para quen os textos que se estudan en colexios e institutos recollen "unha historia terxiversada". "Na España de hoxe e na Galicia de hoxe, a verdade de Salvador de Madariaga é politicamente incorrecta". Vázquez, designado pola familia Madariaga "albacea" das cinzas do pensador para lanzalas ás "augas da Coruña", compartiu co intelectual a tese de que os nacionalistas buscan a "ruptura de España". "A rexionalistas e a nacionalistas -rememorou Vázquez- definiunos como o que son, separatistas".
Na súa conferencia no auditorio da Fundación Caixa Galicia, o embaixador ante a Santa Sé apenas reuniu a 45 persoas, lonxe do cheo que cultivou nunha charla anterior sobre a Torre de Hércules. A pesar de que esta última sesión do curso era aberta, a maior parte do público conformábano os alumnos do seminario. Xunto a eles, a filla e o xenro do embaixador, o ex alcalde José Manuel Liaño Flores e, como único membro da Corporación local, o concelleiro e presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda, entre outros. O alcalde, Javier Losada, nin apareceu.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible