28 de xullo de 2016
O concelleiro José Manuel Sande destacou “a mellora conceptual” que supón esta proposta, que se desenvolverá o domingo 7 de agosto de 12 a 20.30 horas e incluirá a celebración do Mercado da Colleita
Unha xornada ininterrompida de concertos e actividades será o broche da celebración dos 30 anos de historia do Festival Noroeste Estrella Galicia. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá no Pazo de María Pita a programación do último día do Festival, que encherá o parque do Paseo das Pontes o vindeiro domingo, 7 de agosto, de actuacións de diversos estilos musicais e actividades para todos os públicos. "Este día supón un desexado colofón a cinco intensas xornadas de música na cidade", explicou Sande, "unha mellora conceptual do Festival que pretendemos". Neste sentido, ao programa de concertos deseñado para o domingo, sumaranse "numerosas actividades a través do Mercado da Colleita", sinalou o responsable municipal, un proxecto impulsado por Estrella Galicia que "pretende amosar iniciativas innovadoras do ámbito galego".
A xornada comezará ás 12.00 horas co DJ Jas Processor aos pratos, ao que seguirán máis de 8 horas de música coas actuacións das bandas Os Amigos dos Músicos (12.30), Brais Morán (13.45), Los Plutones (15.15), Pablo Seijas (16.30), Aries (17.45) e Linda Guilala (19.00) ata as 20.30 horas da tarde, e coa intervención de Processor entre cada un dos múltiples concertos.
De forma paralela desenvolverase o Mercado da Colleita, que se incorpora como novidade a esta edición do Festival co obxectivo de establecer "o primeiro escalón dunha proposta cultural cada vez máis completa para a cidade", segundo indicou Antonio Viejo, director de Asuntos Corporativos de Hijos de Rivera, quen acompañou ao edil na presentación aos medios. O Mercado desenvolverá actividades destinadas ao público infantil, como plantación de maceiras e oliveiras, xogos tradicionais, xincanas de habilidades ou obradoiros sobre a orixe e elaboración dos produtos. A proposta tamén ofrecerá ao público a posibilidade de coñecer novidosas iniciativas da man dos propios produtores e produtoras do agro galego ou realizar catas durante a xornada.
Toda a información sobre o Festival Noroeste Estrella Galicia, programación e horarios pode consultarse na páxina web www.festivalnoroeste.com
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible