Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de abril de 2018

O Foro ‘Tecendo Litoral’ remata este sábado coa participación de preto de 300 veciños e veciñas e a presenza de actores institucionais, sociais e económicos “que reivindican poder decidir sobre o futuro da súa cidade”

A concelleira Claudia Delso salienta o éxito dun evento que encheu o aforo reservado e que “responde ao desexo da veciñanza de poder contribuír ao necesario debate cívico sobre un asunto crucial”

O Foro 'Tecendo Litoral', espazo de participación e escoita activa no que se trata de definir, da man da cidadanía, o futuro e os posibles usos do bordo litoral da cidade que se vaian desafectando, rematará esta xornada de sábado logo de que, segundo as previsións, acudisen ao redor de 300 veciños e veciñas, ademais dunha nutrida presenza de actores institucionais, sociais e económicos da cidade, á marxe dos 19 relatores e relatoras expertas que analizaron outras experiencias relativas aos aproveitamentos de fachadas marítimas no ámbito urbano. A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, manifestou que "o goberno local amosa a súa satisfacción por un evento que responde ao desexo da veciñanza de poder contribuír ao necesario debate cívico sobre un asunto tan crucial como é o futuro da cidade". A representante municipal salientou que o acto se pechará "con máis de 250 persoas inscritas, ás que se suman os e as asistentes que acudiron sen ter cumprimentada a inscrición, ademais de cargos institucionais". Por outro lado, a edil salientou o seguimento das xornadas en redes sociais, así como mediante o servizo de retransmisión en streaming habilitado na web municipal que está a rexistrar unha media de 50 usuarios e usuarias contínuas.

Ademais, Delso salientou que esta tarde terán lugar as mesas de traballo conxunto, destinadas á que a cidadanía poida expresar a súa vontade e opinión sobre o futuro dos terreos portuarios. Estes espazos conta cun aforo limitado de 150 persoas, estando xa inscritas 130 veciños e veciñas.

A titular de Participación recordou que este Foro é unha parte máis do proceso Tecendo Litoral iniciado polo Concello o pasado ano e que trata de deseñar unha solución global, coordinada e participada para o bordo litoral. "A primeira fase deste programa estivo conformado por un proceso de investigación no que foron entrevistados máis de 60 axentes dos ámbitos institucional, académico, económico e social, a través tanto de entrevistas como de grupos de discusión e xuntanzas con entidades", dixo Delso, que recordou que, ademais, nesa fase, estudáronse experiencias de liberación portuaria en Donostia/Pasaia, Seul, Brest, Flase Creek e Granville.

O foro contou, ademais, con representantes de cidades como Bilbao, Barcelona, Saint Nazaire, Mallorca e Valencia e, entre os e as relatoras participantes, destacou a participación de Ibon Areso, ex alcalde de Bilbao e principal implicado na rexeneración da ría e o impulso do Guggenheim; Josep Bohigas, director de Barcelona Rexional, Samuel Soriano, do polo metropolitano Nantes-Saint Nazaire, unha área metropolitana francesa que garda certos paralelismo coa realidade galega, ou Ramón Marrades, da Marina Valencia, dende onde están a traballar nun modelo de xestión conxunta moi inspirador para o caso coruñés. As xornadas tamén contaron coa participación de numerosos axentes locais e metropolitanos cun fondo coñecemento do litoral, como a psicóloga ambiental Adina Dumitru, o enxeñeiro de Camiños Carlos Nárdiz, o economista Xoán Carmona, a arqueóloga Isabel Filgueiras ou o vicepresidente da lonxa da Coruña, Torcuato Teixeira.

Ademais, ao longo destes dous días, o Foro tamén contou coa asistencia dos alcaldes de Sada, Oleiros, Culleredo e Cambre, e a alcaldesa de Bergondo, ademais de representantes políticos de distintas administracións de Galicia e do Estado español. No ámbito das entidades destacou a presenza de representantes de colexios profesionais e sindicatos, ademais da Universidade da Coruña, a Federación de Asociacións Veciñais e a Confederación de Empresarios. De feito, os seus principais representantes, Julio Abalde, Luisa Varela e Antonio Fontenla, participaron na mesa inaugural xunto ao alcalde, Xulio Ferreiro. Tamén o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, interveu durante a sesión do venres, durante o debate titulado 'Unha oportunidade para o territorio', dentro do bloque centrado na transformación dos peiraos como oportunidade.

Como xa evidenciou o propio rexedor durante a xornada inaugural, o concelleiro Varela lamentou este sábado as ausencias dos presidentes da Xunta, Puertos del Estado e Autoridade Portuaria, ao entender que "este Foro evidenciou que a cidadanía demanda unha serie de necesidades que non se axustan ao traxe que confeccionaron para os terreos portuarios os convenios de 2004 que se levaron a cabo no medio da opacidade e visto que o protocolo asinado a semana pasada entre goberno autonómico e estatal referendan os citados acordos de hai catorce anos". A titular de Participación explicou que a previsión do Concello pasa por abordar a última fase do proceso Tecendo Litoral en maio, cando se presentará un resumo executivo coa análise, diagnose e conclusións das fases anteriores.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión