24 de febreiro de 2017
José Manuel Sande sinala que esta parodia da actualidade “tivo e terá unha gran pegada na historia da cidade”
O Concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, reafirmou esta mañá a intención do Goberno local por salientar "o carácter singular" do Entroido herculino coa presentación, ante os medios de comunicación, do libro O apropósito coruñés. Unha ollada desde dentro, escrito por Antón de Santiago. "O Carnaval é o grande evento de autoxestión cidadá na Coruña, unha celebración ateigada de humor, irreverencia e espontaneidade", afirmou o edil, quen destacou, nesta liña, a relevancia do apropósito coruñés, "unha peza teatral, parodia da actualidade, que tivo e terá unha gran pegada na historia da cidade". "Este Goberno entende que é necesario recuperar elementos fundamentais para entender o espírito singular do noso Entroido, como son choqueiros, as comparsas e os apropósitos, pezas que fan unha análise da actualidade, política e social cun importante compoñente de farsa", sinalou o concelleiro, quen avanzou que esta recuperación pasa, primeiro, pola edición deste volume e, de cara o próximo ano, pola realización dunha convocatoria específica "para que teñan continuidade na cidade nestas festas".
O libro, que se presentará o próximo luns 27, fai un percorrido pola historia do apropósito e recolle os textos das pezas escritas polo autor do volume, Antón de Santiago, "responsable dos apropósitos feitos en democracia", salientou Sande. "O apropósito naceu no ano 1850 arredor do Circulo de Artesáns, que funcionaba como un ateneo, co obxectivo de recoller o espírito do entroido galego de sempre, que vén do rural e se instala no urbano, con retranca, xorne e sátira", explicou o autor. "Os membros do círculo utilizaron o sainete e os entremeses para darlle forma a esta forma teatral, que ten unha característica ineludible, que é partir dunha situación ou contexto con personaxes actuais e populares, desde praceiras, barrendeiros ou alcaldes, e outros personaxes antropoformizados, como as rúas, prazas e monumentos da Coruña", sinalou De Santiago.
O libro recolle os apropósitos representados desde o ano da súa recuperación, 1983, até o ano 2011. De Santiago agradeceu o interese do executivo coruñés por restaurar estas pezas durante a festividade, "que non se representan desde 2011, cando fixemos a peza En-Caixa ou non En-Caixa sobre a fusión das caixas galegas". As reivindicacións arredor do Prestige ou as autovías galegas, ou temas como o porto exterior ou o Xacobeo, foron algúns dos eixes argumentais das parodias recollidas neste volume, "nas que sempre ten que haber crítica e retranca", aseverou o autor.
A presentación de O apropósito coruñés. Unha ollada desde dentro, terá lugar o luns 27, ás 20.00 horas, no Circo de Artesáns, e contará coa participación do seu autor, ademais do concelleiro de Culturas, e artistas que participaron na representación destas pezas ao longo da súa historia.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible