11 de xullo de 2016
O concelleiro Alberto Lema destaca esta colaboración, "a primeira que se dá desde o Concello ao sector neste evento", e salienta que o emprazamento será "privilexiado" para que as accións de dinamización teñan a máxima repercusión
O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, mantivo na mañá deste luns unha xuntanza coa presidenta da Federación Unión de Comercios Coruñesa (FUCC), Mariló Fernández, e outros membros da directiva da entidade, un encontro no que o responsable municipal confirmou que o Concello cederá ao comercio coruñés un espazo de 400 metros cadrados en zona portuaria durante a celebración da Tall Ships Races, que se celebra entre o 11 e o 14 de agosto, para reforzar a visibilidade do sector. "Trátase da primeira vez que o Goberno local promociona e apoia ao comercio local neste evento", salientou Lema, quen subliña a grande afluencia que se espera nos peiraos para os días nos que recale a regata, que se prevé que atraia varias ducias de miles de persoas cada xornada. Xa desde o día antes da inauguración da cita náutica comezarán a chegar ao porto os buques participantes na regata, que permanecerán atracados ata o domingo e en torno aos cales haberá un amplo programa de actividades culturais, deportivas e de ocio, que se suman á programación de festas de María Pita.
Tal e como indica o concelleiro, esta cesión de terreo responde ás pretensións formuladas ao Concello pola federación comercial, que poderá emprazar alí o seu camión promocional e desenvolver as accións informativas e de dinamización que ten planificadas, nunha zona "privilexiada e de máxima visibilidade". "O comercio está a ser tratado como un axente máis que prioritario", observa Lema, e, neste sentido, indica que a FUCC tamén aparecerá co seu logo nos folletos informativos da Tall Ships Races, como reforzo á súa propia campaña de reparto de flyers.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible