2 de abril de 2018
A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, recorda “o compromiso do Concello coa educación pública de calidade, que levou ao executivo local a abordar numerosas actuacións nos centros escolares da cidade que nin tan sequera, coma neste caso, son da súa competencia”
O goberno local levará á próxima sesión ordinaria do Pleno municipal, que se celebrará o vindeiro día 9, a aprobación definitiva do estudo detalle para a ordenación de volumes na parcela do CEIP San Francisco Xabier. Segundo destaca o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, "trátase dun trámite fundamental de cara a execución da demandada cuberta para o patio do colexio, unha infraestrutura que o Concello ten previsto levar a cabo a pesar de que non se trata dunha obra da súa competencia". A este respecto, a titular de Xustiza Social, Silvia Cameán, pon en valor "o traballo levado a cabo dende 2015 polos e polas técnicas municipais para poder levar a cabo este proxecto, cuxa especial problemática radica no feito de que o cauce subterráneo do río Monelos atravesa o recinto do centro educativo e linda coa zona na que se prevé a construción do patio cuberto". Esta circunstancia obrigaba a que, antes de pasar polo Pleno, o estudo detalle tiña que contar co visto e prace de Augas de Galicia, que o pasado marzo remitiu á administración local un informe favorable.
"O estudo detalle para a ordenación de volumes permítenos fixar a nova edificabilidade deste equipamento público, que se verá ampliado ao contar agora cun patio cuberto. Coa luz verde a este trámite, resta agora a aprobación do proxecto de obra", explicou o concelleiro Xiao Varela, quen manifestou que, para o mesmo, "o Concello xa está en contacto permanente tanto con Augas de Galicia, que tamén debe dar o visto e prace ao mesmo pola afección que supón a proximidade do río Monelos, así como coa propia comunidade educativa". O edil insiste no "importante trámite que pasará por Pleno", e se completará coa aprobación do proxecto que posibilitará comezar a obra.
"O empeño do Concello é dotar dunha parte cuberta á zona de xogos deste centro educativo, o que mellora considerablemente a calidade educativa dos e das nenas é tal que non só levamos dende finais de 2015 traballando e pelexando por sacar adiante este proxecto, senón que o facemos, aínda sendo conscientes de que se trata dunha obra que non é competencia municipal, senón autonómica, por tratarse dunha obra maior", observa Cameán, que tamén alude ao convenio firmado entre administración local e Xunta en 2006 para cubrir os patios dos centros públicos. "A día de hoxe, o Concello ten practicamente cumpridos todos os seus compromisos. Da Xunta non podemos dicir o mesmo", apunta a responsable municipal, que insta ao executivo autonómico "a asumir os seus compromisos e facer políticas reais en pos da educación pública de calidade".
"Neste tempo levamos executado moitas obras que non nos corresponden estrictamente: falo, por poñer un exemplo, das cubertas no María Barbeito, no Emilia Pardo Bazán, ou neste momento as obras que se acometen para habilitar un comedor no CEIP Labaca", recorda Cameán, indicou que "este feito dá mostra, unha vez máis, de que o goberno local traballa poñendo á cidadanía sempre por diante das institucións e dos intereses de parte".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible