22 de marzo de 2017
A Concellería de Facenda e Administración vén de contratar os servizos do Laboratorio de Análise de Radiacións, da USC, para analizar os niveis de exposición de sete edificios administrativos, entre eles, o Concello e os Museos Científicos
O Goberno local, a través da Concellería de Facenda e Administración, dirixida por Eugenia Vieito, procederá a realizar unha serie de medicións da concentración de gas radón, se existe, en sete edificios municipais da cidade. "Levamos a cabo estas medicións, que veñen de ser contratadas co Laboratorio de Análise de Radiacións da Universidade de Santiago de Compostela, debido ao noso compromiso co medio ambiente e a responsabilidade de garantir que o funcionariado traballe en condicións seguras e óptimas para a súa saúde".
"O radón é un gas que se emite debido á desintegración de elementos químicos do uranio presentes na terra e nas rochas, polo que ten especial incidencia en Galicia", explicou Vieito, que manifestou que as actuacións de medición, que terán lugar en diversas estancias dos edificios do Concello da Coruña, o museo e a biblioteca da Casa das Ciencias, a Casa dos Peixes e a Domus, así como os edificios administrativos da Franxa e Casa Paredes, levaranse a cabo ao longo de tres meses, mediante a instalación e recollida dunha serie de detectores. Ademais, a firma encargada do estudo emitirá un informe final no que analizará os resultados e emitirá as recomendacións oportunas en funcións dos mesmos.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible