15 de setembro de 2017
A edil Claudia Delso destaca que o Concello habilitará un espazo de referencia no Centro Social do barrio “para converter ás mozas e mozos en protagonistas da transformación da súa cidade”
A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, anunciou esta mañá que o goberno local lanzará este mes de setembro un proxecto piloto de dinamización xuvenil no barrio da Sagrada Familia, co obxectivo de coñecer e identificar os intereses e necesidades das mozas e mozos do barrio traballando directamente co colectivo, ofrecerlles ferramentas para gañar autonomía persoal e acompañalos para que sexan protagonistas da transformación do barrio a través de dinámicas sostibles no tempo. "Este goberno entende que a participación cidadá é unha ferramenta fundamental de transformación dos barrios e da cidade, e quere que a mocidade sexa protagonista deste cambio", explicou Delso. "Con esta iniciativa que hoxe presentamos, e que comezará este mes de setembro, queremos motivar á acción ás mozas e mozos do barrio, queremos empoderalos, facelos partícipes e que pasen a ser suxeitos activos para incidir na mellora da súa calidade de vida así como da veciñanza", expuxo. Tal e como destacou a concelleira, a proposta municipal nace "tras unha serie de conversas con diversos axentes sociais do barrio así como das demandas recollidas no Dillo ti que se celebrou na Sagrada Familia, no que que puxo de manifesto a necesidade de poñer en marcha recursos e programas para que a mocidade do barrio tivera un espazo no que atoparse, relacionarse e poder desenvolver a súa autonomía persoal e proxectos", dixo. A experiencia piloto que contará con dinamizadoras, permitirá tamén co-deseñar e levar a cabo actividades coa mocidade, ademais de deseñar, en común, estratexias de comunicación e mediación coas rapazas e rapaces do barrio. Ademais, o goberno local, no marco deste proxecto, porá a disposición da mocidade do barrio un espazo, recursos e metodoloxías que impulsen a participación social como ferramenta para a transformación da sociedade e, neste caso concreto, do barrio da Sagrada Familia. Con este espazo, que estará localizado no 4ª andar do Centro Social, "a xuventude da zona terá un lugar de referencia no que estar pero tamén, coa compañía do persoal dinamizador, poderán desenvolver as súas ideas de proxectos de xeito colectivo", sinalou Delso, quen expresou a súa vontade de contar coa implicación de máis axentes do barrio neste proceso. "A participación cidadá será fundamental para poder coordinar este servizo con outros xa existentes, como a Biblioteca Municipal, de cara a poder realizar intervencións integrais e coordinadas na zona", incidiu.
Este espazo de referencia, tal e como destacou a edil, deseñarase de modo colaborativo entre as rapazas e rapaces, desde o deseño do equipamento até os contidos e actividades do mesmo. Dentro deste punto de referencia, está previsto que se defina un programa de formación para a mocidade do barrio sobre temas que lles resulten de maior interese, e que se desenvolverá ao longo do último trimestre do ano. Ademais, ofrecerá formación e ferramentas de cara a que o grupo poida autoorganizar actividades vinculadas cos intereses da mocidade na Sagrada Familia. O proxecto, no que o Concello investirá 18.000 euros, continuará até o mes de decembro. Tal e como sinalou a edil, esta experiencia piloto "pode abrir a posibilidade de que se replique noutros barrios da cidade, pero polo de agora imos centrarnos na Sagrada Familia", incidiu Claudia Delso. Toda a información que recolla estará a disposición da veciñanza na páxina web municipal www.coruna.gal/participacion
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible