4 de xuño de 2016
“Nestes encontros non se venden anuncios electorais nin logros, aténdese á cidadanía e se lle dá a oportunidade de participar coas súas achegas na acción de Goberno. Iso é o que se lle está cercernando agora mesmo”, di a concelleira de Participación, Claudia Delso
A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, anuncia que o Goberno local recorrerá a decisión da Xunta Electoral de Zona de acordar a suspensión do encontro participativo coa veciñanza 'Dillo ti' que estaba previsto para este sábado, ás 12.00 da mañá no Centro Ágora.
"Nos 'Dillo Ti' non se venden anuncios electorais nin logros deste Goberno, respóndese á cidadanía, falamos das súas inquedanzas e das súas necesidades, o que nos serve para tomar o pulso dos barrios, para coñecer situacións das que ao mellor non temos constancia, ou poder indicar que determinadas situacións xa están a ser abordadas dende o Concello", reflexionou Delso.
A Xunta Electoral de Zona da Coruña informou ao Concello da recepción vía correo electrónico --tan só unhas horas antes da celebración do encontro --dunha denuncia do encontro participativo, no que os e as integrantes do equipo de Goberno responden ás inquedanzas da cidadanía. O organismo electoral acordou a suspensión da celebración do mesmo tendo en conta "a perentoriedade do prazo e a inmediatez do acto", se ben indica que sendo esta "unha cuestión de interpretación e froito dunha decisión dunha corporación pública, non procede a imposición de sanción algunha". O citado órgano tamén destaca na súa comunicación que o Concello pode interpoñer un recurso ante a Xunta Electoral provincial no prazo de 24 horas dende a notificación.
A responsable municipal de Participación amosa a súa disconformidade coa decisión do ente electoral, e lamenta os prexuízos que a denuncia do grupo popular poidan ter causado a todos e todas as veciñas que tiñan pensando acudir ao Centro Ágora, a expresar ao Goberno local as súas inquedanzas ou achegas.
Delso fixo fincapé no "éxito de público e participación" que acadan estes encontros, que xa se celebraron, polo momento, nos centros cívicos de San Diego, Palavea, Os Mallos e Monte Alto. "Pedir a parálise da celebración deste evento, ademais con tan escaso tempo de reacción, é solicitar que se lle cercene á cidadanía a posibilidade de participación", insistiu.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible