13 de outubro de 2017
A iniciativa, que terá lugar este domingo 15, enmárcase dentro do Gabinete de Imaxinación Política, un dos proxectos de innovación social que desenvolve o Co-Lab este ano
O vindeiro domingo 15 de outubro, no marco das actividades do Laboratorio Cidadán da Coruña, o Co-Lab, desenvolverase un obradoiro de autocoidados para traballadoras do fogar. O encontro, de carácter gratuíto, terá lugar ás 11.00 horas no local da Asociación Veciñal Agra do Orzán (Entrepeñas, 38). A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, explicou que "a través deste encontro, aberto a toda a cidadanía, o que se procura é artellar un espazo no que compartir inquedanzas arredor dos coidados, centrado especialmente naquelas persoas que traballan como empregadas do fogar e facendo especial énfase nos dereitos deste colectivo". A iniciativa enmárcase dentro do denominado Gabinete de Imaxinación Política, un dos proxectos de innovación social que desenvolve o Co-Lab este ano, e que ten como obxectivo "configurar un espazo de pensamento e acción que procure atender á imaxinación como forma de emprender transformacións na cidade", segundo indica Claudia Delso
O obradoiro, que combinará actividades con música e distintas dinámicas busca, segundo os e as súas promotoras, "dar a coñecer os dereitos das persoas, facendo tamén especial fincapé na situación neste ámbito do colectivo migrante e, sobre todo, compartir experiencias e traballar os autocoidados". O encontro estará dinamizado por Territorio Doméstico, un colectivo que ten, como finalidade, o recoñecemento dos dereitos das traballadoras do fogar e a posta en valor do seu traballo.
Para máis información sobre o Co-Lab e as súas actividades, pode visitarse a páxina web municipal colab.coruna.gal.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible