Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de xaneiro de 2017

O proceso participativo do ‘Camiño do Vixía’ propón dous novos encontros abertos á cidadanía para mellorar a accesibilidade peonil en Monte Alto

O centro cívico do barrio acollerá o venres 13 e o sábado 14 un foro e un obradoiro que dan continuidade ás actividades iniciadas o pasado mes de novembro

O Goberno local organiza esta fin de semana dous novos encontros abertos á cidadanía do chamado Camiño do Vixía, o proceso participativo que busca mellorar a mobilidade e a habitabilidade nas rúas de Monte Alto a través da creación dun eixe de preferencia peonil no barrio que conecte o Campo de Marte coa rolda de Monte Alto ata o depósito de augas. O centro cívico da zona acollerá estas dúas xuntanzas, que se desenvolverán o venres 13 e o sábado 14, e que terán como obxectivo principal a elaboración de propostas para equilibrar e mellorar a convivencia entre peóns e automóbiles na zona.

Así, na tarde do venres, desde as 18.00 ata as 20.30 horas, organizarase o 2º Foro Cidadán: Refacendo o Camiño, a proposta que continúa o traballo realizado na fin de semana do 24 de novembro e na que se elaborou sobre o terreo, de forma colectiva, un mapa da situación da accesibilidade peonil e no que se identificaron algúns espazos singulares na zona. O día 13 presentaranse os resultados deste traballo, que permitirá abordar as problemáticas e as posibilidades dos puntos que presenten máis dificultades de accesibilidade, así como dos espazos de cruzamento con capacidade para transformarse en pequenas prazas ou dos accesos máis complexos aos centros educativos do barrio. Deste modo, daranse os primeiros pasos na construción colectiva de propostas para a mellora do confort no espazo público e da pacificación do tráfico en Monte Alto.

Xa na mañá do sábado 14, desde as 11.00 e até as 13.30 horas, a xornada Obradoiro de deseño colectivo: mellorando o Camiño centrarase no debate sobre os criterios e ferramentas de urbanización favorables á mobilidade e accesibilidade peonil, unha conversa na que as persoas participantes poderán idear, en pequenos grupos, solucións de mellora para este itinerario, que pretende establecer unha conexión cómoda entre unha parte importante dos equipamentos da zona, como son o CEIP Curros Enríquez, o centro cívico e biblioteca municipais de Monte Alto ou a escola infantil Luís Seoane.

O Camiño do Vixía é unha proposta do Goberno local que promove unha reflexión colectiva a cerca do estado do espazo público en Monte Alto, cuxo trazado vai desde a Rúa da Torre, Campo de Marte, avenida de Hércules e Verea do Polvorín, continuando pola rúa Marola, Suevia e Vía Ártabra, ata atravesar a rolda de Monte Alto e coller a rúa Pedro Galán Calvete e o Parque de Carlos Casares, con punto final na traseira do antigo cárcere. No mes de febreiro realizaranse no barrio novas actividades, como foros e accións de rúa abertas ao público de todas as idades, e outras máis lúdicas, que terán lugar en datas próximas ao Entroido.


 

Documentos:

Fagamos o Camiño do Vixía (PDF) (3 MB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión