3 de xuño de 2016
Seis artistas e colectivos residentes na Coruña realizarán actuacións en distintos barrios da cidade ata o mes de agosto
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, anunciou esta mañá a posta en marcha das primeiras accións de Expontáneas, a iniciativa dirixida a artistas entre 18 e 35 anos coa que o Goberno local pretende apoiar á creación local, á vez que impulsa a intervención artística en espazos urbanos da cidade. "Expontáneas dá prioridade ao binomio arte e espazo público", explicou Sande, unha idea "na que Culturas traballa dun xeito comprometido na súa programación cultural e de festas", co obxectivo de achegar ás artes á cidadanía. "Coas intervencións no espazo público búscase que a cultura impregne a cidade e que as artes cheguen dun xeito directo á cidadanía, se naturalicen e saian fóra dos recintos", afirmou o edil. Neste sentido, o responsable municipal lembrou "que non todo o mundo ten a posibilidade" de acceder a un centro cultural. "As artes teñen puntos de atracción por outras vías. O espazo público é unha plasmación evidente e A Coruña é, neste sentido, unha cidade con moitas posibilidades", dixo.
O titular de Culturas presentou esta mañá os resultados da primeira convocatoria do programa, a cal cualificou como "ecléctica", xa que abrangue proxectos que afondan "en liñas máis reflexivas ou políticas", ata outros que, "a través da cotidianeidade, pretenden explorar ou seus compoñentes". En total foron seis os proxectos seleccionados nesta primeira quenda da iniciativa -a segunda pechou o prazo de inscrición o pasado 31 de maio-, e serán coordinados pola comisaria Eva Aller. As e os artistas comezarán desde hoxe ata o mes de agosto, dun xeito gradual, as súas intervencións en distintos espazos de toda á cidade, "unha liberación e propagación do coñecemento que incide na idea da descentralización da actividade cultural, para que as artes cheguen a todos os barrios da Coruña", sinalou o concelleiro.
A primeira intervención, que desenvolverá hoxe na contorna do Obelisco e o vindeiro venres, día 10, na praza Josep Sellier, é El color del miedo, do colectivo Pajaruelos Cortos, un proxecto audiovisual de "captación de sensacións con carácter participativo", destacou o concelleiro, "que supón o traballo previo de documentación que desembocará nunha longametraxe". A idea do proxecto é que cada persoa que participe na gravación, se converta nunha máis personaxe da película.
A seguinte acción, El rastro involuntario, chegará da man da artista alcarreña afincada na Coruña Paula Fraile, "coa conciencia do chan que pisamos", afirmou o concelleiro, un proxecto de artes plásticas vinculado ás marcas que deixan os chicles no chan. Este proceso desenvolverase a través de tres intervencións, que terán lugar do 7 ao 9 de xuño no Campo da Leña; do 9 ao 12 de xuño no barrio de Monte Alto, que comezará desde o CEIP Sanjurjo de Carricarte e avanzará pola avenida de Hércules, Santo Tomás, Adelaida Muro, Ángel Rebollo, Torre e Orillamar; e do 12 ao 14 de xuño no barrio de Peixería, nas rúas Panadeiras, San Andrés, Avenida de Mariña, Torreiro, Real e Galera.
O terceiro proxecto será Arquitecturas do movemento, do fotógrafo Jacobo Ameneiro, un proxecto que misturará fotografías e artes escénicas "no que se proxectará o cotiá do espazo sobre os corpos, que á vez interactuarán no lugar", explicou o responsable de Culturas. Esta acción terá lugar no Parque de Santa Margarita a partir das 23 horas do venres 17 de xuño.
A cuarta intervención será Cousa de Elviña, do colectivo Ergosfera, "na procura de produción, difusión e debate público e á vez unha elaboración de informe técnico que, entre outras cousas, impida o desaloxo e destrución das vivendas ameazadas polos plans urbanísiticos de Elviña", sinalou Sande. O proxecto iniciarase o xoves 16 cunha xornada de actividades, e a instalación desenvolverase dos días 20 ao 24 de xuño.
A seguinte iniciativa será Interseccións, da artista, María Blanco, unha acción que, segundo indicou o edil, "explorará a identidade da cidade a través da reorganización de bandeiras" en distintos momentos da primeira quincena de xullo. Finalmente, Adrián Taracido desenvolverá o proxecto Tuyo es, mío no, desde o 4 de xullo no Parque Europa, no que traballará "con pezas que simulan o deteriodo ambiental no espazo público", concluíu Sande.
Expontáneas presentouse o pasado mes de marzo como un programa da Concellería "de apoio á creación local, tanto individual coma comunitaria, das artes escénicas e visuais", lembrou o titular de Culturas, para fomentar accións que respondan á filosofía integradora e participativa da arte pública, e busquen a recuperación do valor do espazo cotián a través do feito artístico efémero. A iniciativa, que se desenvolve en dúas convocatorias, concede un máximo de 1.500 euros en axuda á produción de cada intervención, que debe ser orixinal e efémerica, cunha duración entre 3 e 7 días.
A través da web www.expontaneas.gal mostratanse as accións do programa, que estarán acompañadas de material audiovisual que se difundirá nas redes sociais do proxecto (Facebook e Instagram), nas que as e os propios artistas compartirán o proceso de produción da súa intervención.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible