26 de xuño de 2017
Desde o xoves ata o sábado celebraranse na contorna do faro talleres de banda deseñada, marionetas e sombras chinesas, cun total de 45 prazas, para os que é precisa inscrición previa
A celebración do VIII aniversario da inclusión da Torre de Hércules na lista do Patrimonio Mundial, que se celebra desde mañá e durante toda a semana na contorna do faro, inclúe tamén actividades infantís. Estes días está aberta a inscrición para tres obradoiros, dirixidos a nenos e nenas deata 12 anos. Son de balde e a inscrición, por orde de solicitude, pódese facer en talleresinfantilescoruna@gmail.com. Cada participante pode inscribirse nun único obradoiro, cada un dos cales conta con 15 prazas.
Este xoves, día 29, de 18.00 a 19.30, terá lugar o primeiro deles, un taller de cómic para nenos e nenas de entre 7 e 11 anos que, a través de exercicios de debuxo, poderán aprender a entender a linguaxe do cómic e a deseñar espazos e personaxes ao servizo da historia que se queira contar. O venres 30, á mesma hora, comezará Titiritarium, obradoiro de marionetas de papel para nenos e nenas de 6 a 11 anos no que, empregando tan só papel, os e as participantes construirán monicreques inspirados na época romana. Ademais, aprenderán sinxelas técnicas de manipulación para mover e dar vida aos monicreques. Titiritarium terá unha segunda parte o sábado pola mañá, de 11.00 a 14.00 horas, para o rango de idade de 6 a 12 anos. Nesta ocasión, trátase dun obradoiro de sombras chinesas. As nenas e os nenos cooperarán para construír un teatro no que os protagonistas serán a Torre de Hércules e diferentes heroes romanos. Ao finalizar representarán a historia elaborada.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible