4 de abril de 2016
O servizo de reciclaxe estará dispoñible de martes a sábado durante todo o mes, de 9.00 a 14.15 horas
A Concellería de Medio Ambiente vén de informar da situación do servizo do Punto Limpo Móbil para o mes de abril, no que se achegará até a oito ubicacións distintas da cidade. Desde mañá e até o xoves 7 instalarase na praza Elíptica dos Rosales, mentres que o venres 8 e sábado 9 atoparase o barrio dos Castros, na rúa Claudio San Martín. En horario de 09.00 a 14.15 horas, as persoas que o desexen poderán empregar este servizo para depositar pequenas cantidades de certos residuos do fogar que non teñen cabida nos contedores das rúas, tales como aerosois, aceite doméstico, baterías e acumuladores, pilas, CD, cristal, lámpadas e fluorescentes, pinturas e vernices, radiografías ou tóner, así como roupa, zapatos, xoguetes e pequenos electrodomésticos (como televisores, microondas e computadoras). O vehículo conta cun operario para axudar á cidadanía a depositar cada residuo no contedor correspondente. A Concellería destaca que este servizo facilita a xestión de residuos e promove a reciclaxe a través da recollida selectiva.
A vindeira semana, os días 12, 13 e 14, o Punto Limpo Móbil situarase na praza Luís Seoane, en Novos Ministerios; e nas xornadas do venres 15 e sábado 16 en Adormideras, na rúa Regata Cutty Sark. Dos días 19 ao 21, o camión instalarase na praza Pablo Iglesias, e os días 22 e 23 no Campo de Marte. Finalmente, na última semana de abril o Punto Limpo estará dispoñible para a veciñanza do día 26 ao 28 na praza da Audiencia Provincial (Capitán Juan Varela), e os días 29 e 30 en Vioño.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible