23 de febreiro de 2017
Todas as localidades para asistir á iniciativa, impulsada polos Museos Científicos, están esgotadas
O próximo sábado 25 de febreiro, o Teatro Rosalía Castro acollerá, por segundo ano consecutivo, a xornada de divulgación Naukas Coruña, unha iniciativa impulsada polos Museos Científicos Coruñeses coa colaboración do proxecto Naukas. O humorista Víctor Grande exercerá de mestre de cerimonias nun evento gratuíto que ten como principal obxectivo achegar a ciencia á cidadanía. As entradas para asistir á proposta, na que tamén colaboran a Escola de Imaxe e Son da Coruña e a Cátedra de Cultura Científica da UPV/EHU, están esgotadas.
Un ano despois de abordar a neurociencia, Naukas Coruña 2017 centrará os seus esforzos no universo. Así, e baixo o lema A vida, o Universo e todo o demais, 10 ponentes intervirán nunha iniciativa na que se falará de aspectos como a observación do universo, o futuro do mesmo ou a relevancia de instrumentos para o seu estudo. A xornada comezará ás 10.30 horas, co relatorio Dez millóns de anos non son nada, a cargo de Mariano Santander, da Universidade de Valladolid. Ás 11.15 horas, a responsable de comunicación do proxecto Nanocosmos no ICMM-CSIC, Natalia R. Zelmanovitch, e o astrofísico no Instituto de Astrofísica de Andalucía Manuel González ofrecerán a charla Observando en distintas lonxitudes de onda: do visible e o invisible. Na seguinte quenda, a das 12.00 horas, o director técnico da Casa das Ciencias, Marcos Pérez Maldonado, presentará a proposta A astronomía como cha contan. Este relatorio dará paso, ás 12.45 horas, á intervención de Elena González Ferreiro, do Grupo de Física de Altas Enerxías da Universidade de Santiago, baixo o título O universo do diminuto. A escritora e filóloga Estíbaliz Espinosa pechará a primeira parte da xornada, ás 13.30 horas, coa charla Curiosidade polo dark.
Naukas Coruña 2017 retomarase pola tarde, ás 16.30 horas, co relatorio A orixe da vida na Terra...Ou fóra dela?, de Carlos Briones, do Centro de Astrobiología CSIC-INTA. De seguido, Daniel Marín, do equipo de Naukas, abordará A fascinante variedade de planetas extrasolares, a partir das 17.15 horas e, ás 18.00 horas, Juan Ignacio Pérez, da Cátedra de Cultura Científica da Universidade do País Vasco (UPV/EHU), falará de Cultura e evolución humana. A última intervención da xornada , E despois de nós, que? --18.45 horas--, do astrofísico e escritor Ignacio Santander, membro do Instituto de Ciencia de Materiales de Madrid (ICMM), dará paso á despedida e peche.
Para máis información sobre Naukas Coruña 2017 e outros eventos de divulgación científica, pode visitarse a web www.mc2coruna.org.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible