1 de xuño de 2016
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, destaca a “relevante presenza” de compañías galegas na programación do teatro da rúa Rego de Auga
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou esta mañá na presentación de Bye, Bye, Honey da compañía galega Obras Públicas, un espectáculo que combinará teatro e música sobre o escenario do Teatro Rosalía Castro este venres, día 3, ás 20.30 horas. O edil destacou que a obra "vén precedida por dous premios do Teatro Galego María Casares", o de mellor música orixinal, de Carlos Mosquera, e o de mellor actor secundario, César Goldi. O titular de Culturas salientou a "importante presenza galega" na programación de artes escénicas deste ano 2016 na cidade, "un eixo fundamental no que se vén traballando con convicción e que, ademais, é unha demanda histórica da cidadanía". Neste sentido, destacou "o apoio e firme compromiso" do Goberno local coa difusión do teatro galego contemporáneo, en referencia á programación de obras como O Principio de Arquímedes, no Fórum Metropolitano, ou Eroski Paraíso, no Teatro Rosalía, "onde Chévere esgotou as entradas".
Bye, Bye, Honey é unha historia "dura, que retrata mundos pouco habituais na escena, como son o proletariado, a prostitución ou as drogas", segundo o seu director e autor, José Prieto, que acompañou ao responsable de municipal na presentación. Este "musical escuro pero con humor", defendeu, "e acaído para todas aquelas persoas que normalmente non asisten ao teatro", conta a historia de Marta, unha muller galega que escapa e dun fogar problemático para dar vida a súa súa vocación, ser cantante, un obxectivo que non lle será doado de conseguir. Prieto sinalou que a música é un elemento "fundamental" no desenvolvemento do espectáculo, xa que conta con once cancións que intepreta a Bye Bye Honey Band -Chechu Mosquera, Mr Cool e Fran Facal- " que participan, de xeito intercalado, na narración da historia".
A obra está interpretada por Carlos Mosquera Mos, César Goldi -gañador do premio María Casares por este papel- e Iolanda Muíños, quen afirmou esta mañá que esta creación musical "é antimachista". "Trátase dunha historia de superación na que damos a nosa visión, pero non xulgamos ás personaxes", dixo.
A función, que será única e recomendada para maiores de 16 anos, terá lugar o venres 3 de xuño ás 20.30 horas, e as entradas xa están a venda desde 6,50 euros nas canles habituais (ticketea.com, no teléfono 902.044.226 e no mesmo teatro o día da función, de 12 a 14 e de 18 a 20 horas). Como vén sendo habitual, todas aquelas persoas maiores de 65 anos, en situación de desemprego ou que posúan carné xove, obterán unha bonificación do 20%.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible