13 de outubro de 2017
A edil Rocío Fraga presentou o espectáculo, unha produción que conta co apoio do Concello e que forma parte dunha serie de iniciativas coas que o goberno local pretende visibilizar a figura das dúas mulleres
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou esta mañá no Pazo de María Pita o espectáculo Elisa e Marcela, unha peza teatral baseada na historia de Marcela Gracia e Elisa Sánchez, a parella que constituíu, no 1901, o primeiro matrimonio entre mulleres do Estado. A obra, unha coprodución da compañía A Panadería co Concello da Coruña, Concello de Rianxo, Concello de Vimianzo e Centro Dramático galego, estrearase mañá no Teatro Rosalía de Castro, no marco da programación do Ciclo Principal de outono. "Esta obra, escrita, dirixida e protagonizada por mulleres, presenta un feito tan relevante para a historia desta cidade e do Estado como foi a voda de Marcela e Elisa, o primeiro matrimonio entre mulleres, un episodio pioneiro e transgresor que marcou un fito na loita pola igualdade", salientou Rocío Fraga, quen lembrou que esta acción se enmarca na serie de actuacións que o goberno local "porá en marcha nos próximos meses co obxectivo de visibilizar a súa historia".
"O Concello quere facer unha aposta forte por dar a coñecer a historia destas dúas mulleres, un compromiso que se iniciou coa aprobación para introducir o seu nome no rueiro, e continuará coa súa visibilización ao longo deste mandato", especificou a edil, que estivo acompañada na presentación polo director do Teatro Rosalía, Paulo Rodríguez; a directora do Centro Dramático de Galicia, Fefa Noia; o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo; a edil de Cultura de Vimianzo, Marta Rey; a concelleira de Cultura de Rianxo, Hadriana Ordóñez; e Ailén Kendeleman, Noelia Castro e Areta Bolado, integrantes da compañía.
A montaxe, que se representará mañá no equipamento municipal da rúa Rego de Auga, é unha comedia que está dirixida por Gena Baamonde e aborda a historia de Marcela e Elisa, mulleres que casaron na igrexa de San Jorge no ano 1901 "desde o humor e a ironía", segundo sinalou Baamonde, e inclúe música orixinal de Ailén Kendelman que será interpretada a capella polas actrices protagonistas. Tras a representación deste sábado, o espectáculo contará con dúas funcións para público escolar a semana que vén. De cara aos próximos meses, o Concello e a compañía colaborarán coa realización dunha serie de actividades arredor da figura de Marcela e Elisa e novas funcións do espectáculo. "A pesares dos avances pola loita dos colectivos LGTBQI, aínda é necesario seguir traballando neste sentido. Elisa e Marcela foron invisibilizadas durante moito tempo nesta cidade, e cómpre salientar o fito que marcou a súa voda a prol das liberdades", dixo Fraga.
As entradas para Elisa e Marcela --obra incluída no circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios-- xa están á venda, desde 8 euros, no despacho de billetes da praza de Ourense --en horario de 9.30 a 13.00 horas, e de 16.30 a 19.30 horas--, a través da web ticketea.com, o teléfono 902.044.226 --de luns a venres de 09.00 a 22.00 horas, sábados de 14.00 a 22.00 horas, e domingos e festivos de 16.00 a 21.00 horas-- ou o no mesmo Teatro Rosalía --só os días de función, de 16.00 a 20.00 horas--. As persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou que posúan o Carné Xove poderán adquirir as súas entradas por 6,50 euros.
Ciclo Principal
A vindeira fin de semana, os días 20 e 21, o Ciclo Principal do Teatro Rosalía de Castro regresará cunha dobre representación --abono venres e sábado-- da obra Soka, un traballo do cineasta Mikel Gurrea que xira arredor do acoso escolar. Dirixida por Fernando Benués e interpretada por Iñalki Rekarte, Soka é o monologo dun profesor de ximnasia sobre a culpabilidade e a responsabilidade, máis dun ano despois de atopar o corpo dun alumno aforcado na corda de adestramento.
De cara ao mes de novembro, o Teatro Rosalía ofrecerá, na primeira fin de semana, a obra do dramaturgo arxentino Pablo Messiez Todo el tiempo del mundo, de Buxman Producciones e Kamikaze Producciones, compañía recentemente recoñecida co Premio Nacional de Teatro 2017. A obra, que contén elementos autobiográficos, fala do tempo e dos relatos, así como dos desexos do futuro, a través da historia dun zapateiro chamado Flores.
A programación do Ciclo Principal continuará coas Normas para saber vivir en la sociedad actual, de Jean-Luc Lagarce (17 e 18 de novembro); Lorca, la correspondencia personal, baseada en textos do propio autor granadino (1 e 2 de decembro); Resaca, de Tito Asorey e Ana Carreira (5 e 6 de decembro); e La ternura, de Alfredo Sanzol (22 e 23 de decembro). As entradas para todas as obras do Ciclo Principal xa están á venda nas canles habituais.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible