Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de xuño de 2023

En marcha o procedemento para sacar a poxa forzosa un edificio na rúa Orzán, ao abeiro do Plan municipal para a recuperación de ruínas

O inmoble, baleiro desde o ano 1998, incumpre as obrigas de edificación, conservación e rehabilitación. A súa valoración actual é de 339.679,20 euros

O Concello da Coruña abriu esta semana o procedemento para a venda, en réxime de poxa forzosa, dun inmoble baleiro localizado no número 72 da rúa Orzán, no barrio da Pescaría.

Trátase da terceira propiedade privada que sae á venda na cidade ao abeiro do Plan municipal para a recuperación de ruínas, unha iniciativa posta en marcha polo Goberno de Inés Rey a inicios deste ano 2023, co obxectivo de promover a recuperación de edificios, soares e inmobles abandonados cuxas persoas propietarias incumpran as súas obrigas nos prazos e condicións marcados pola lei.

No caso do inmoble localizado no número 72 da rúa Orzán concorren as circunstancias de incumprimento das obrigas de conservación e rehabilitación, ao ser un edificio baleiro dende o ano 1998, localizado no ámbito do Plan especial de protección da Cidade Vella e Pescaría (PEPRI) e que, por mor da non execución da obriga de conservación, é causante de reiteradas queixas da veciñanza nos inmobles lindeiros sen que a propiedade teña atendido os requerimentos.

A valoración do inmoble, tal e como figura no anuncio municipal publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), é de 339.679,20 euros.

A poxa forzosa do 72 da rúa Orzán, tras os casos das rúas Damas e Herrador

A primeira propiedade en saír a poxa forzosa foi o edificio situado na rúa Damas, 3, declarado en ruína física desde o ano 2018 e con orde -incumprida- de rehabilitación integral. O procedemento para a súa venda abriuse o pasado 2 de marzo, tras publicarse no DOG o aviso correspondente.

Posteriormente, en abril, iniciouse o proceso para a venda forzosa dunha segunda propiedade, un soar baleiro na rúa Herrador, 6, resultante da demolición previa dun edificio declarado en ruínas en abril do ano 2005. Entón, e baixo execución subsidiaria -ao non cumprir a propiedade cos requirimentos municipais- o Concello acometeu a demolición do edificio ese mesmo ano. Porén, ante a continua inactividade da propiedade con respecto ao mantemento do soar baleiro, e coa finalidade de eliminar un foco de insalubridade no barrio, o Goberno municipal determinou a saída á venda forzosa deste soar de 57 metros cadrados de superficie.

Ademais do inmoble na rúa Damas, o soar baleiro na rúa Herrador e o edificio no número 72 da rúa Orzán, o Plan municipal para a recuperación de ruínas inclúe outros cinco edificios e soares situados na rúa de San Andrés, 140; rúa Pastoriza, 4; os números 130 e 202 da rúa Orzán; e rúa de Santa Lucía, 8.

Tras a poxa pública, un prazo máximo de nove meses para iniciar a rehabilitación

O procedemento marcado no Plan municipal para a recuperación de ruínas prevé, en primeira instancia, que o Concello dispoña da opción de sacar a poxa pública o inmoble ou soar en cuestión nun prazo máximo de seis meses dende a declaración de incumprimento.

O tipo de licitación será o que resulte da valoración da parcela ou inmoble e se a poxa se declarase deserta podería convocarse de novo nun prazo de tres meses, cunha rebaixa do 25% sobre o tipo de licitación inicial.

A persoa ou entidade que adquira o inmoble ou soar exposto a poxa pública terá un prazo máximo de nove meses dende a toma de posesión do predio para iniciar as obras de rehabilitación.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión