28 de abril de 2025
O Concello xa está a delimitar na explanada os espazos de estacionamento, tamén a sinalizar o percorrido para a circulación dos vehículos en sentido de entrada e saída
O Concello da Coruña puxo en marcha onte os traballos de reordenación do aparcadoiro situado no acceso principal ao Centro Cívico dos Mallos, unha intervención coa que o Goberno de Inés Rey dá resposta ás solicitudes veciñais e tamén das persoas usuarias desta instalación municipal.
O estacionamento gratuíto nesta superficie xa está habilitado, mais, tal e como precisou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, "era necesario adecuar e sinalizar as prazas onde estacionar os vehículos, para organizar os espazos públicos da explanada e evitar o estacionamento irregular detectado en ocasións, que tamén supoñía un risco no caso de que tentasen acceder vehículos de emerxencias como as ambulancias, con todo o prexuízo que isto implica para a cidadanía".
Neste sentido, este luns levouse a cabo o replanteo previo ás actuacións de sinalización horizontal e vertical no aparcadoiro, que contará con 26 prazas para automóbiles -dúas delas, PMR, unha máis das dispoñibles ata agora- e un novo aparcadoiro específico para motocicletas, con sete prazas no sector oeste da explanada.
Ademais, tamén se sinalizará o percorrido de circulación dos vehículos desde o vial de acceso, en sentido de entrada, para evitar obstrucións de tráfico e facilitar a saída dos vehículos de emerxencias, "dando un sentido lóxico ao tránsito de vehículos nos exteriores do centro cívico".
Resposta ás necesidades dos centros cívicos municipais
Esta medida complementa os avances que está a impulsar o Concello para renovar a rede de centros cívicos municipais, que afronta agora a súa primeira fase de renovación con melloras previstas nas instalacións de Labañou, San Diego, Castrillón e Os Rosales, que xa saíron a concurso a inicios deste mes, cun investimento conxunto de 1,5 millóns.

17 de decembro de 2025

17 de decembro de 2025

15 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible