31 de xaneiro de 2026
Na iniciativa, que conta coa colaboración do Concello, poderá participar o alumnado de 5º e 6º de primaria dos colexios da cidade
Este luns, 2 de febreiro, comeza o prazo de inscrición no 'Paixón Laranxa', o concurso de cánticos de animación para o Club Básquet Coruña. As persoas interesadas poderanse apuntar ata o 27 de febreiro. As fases eliminatorias realizaranse do 16 ao 23 de marzo, e a gran final será no Coliseum o 10 de abril, durante o partido entre o Leyma e o Monbus Obradoiro.
A nova edición desta iniciativa dirixida aos colexios da cidade ten como obxectivo fomentar o baloncesto e o sentimento de pertenza ao equipo a través da creatividade e a animación deportiva. O concurso está deseñado para os escolares de 5º e 6º de primaria, que terán que inventar cánticos de animación que deben ser orixinais, sen mensaxes ofensivas ou palabras malsoantes, ter letra e ritmo sinxelo e ter unha duración máxima de 30 segundos. Os grupos poderán utilizar elementos de animación como bombos, tambores ou megáfonos.
O concurso desenvolverase ao longo de varias xornadas, dependendo do número de colexios inscritos. Cada día, varias agrupacións trasladaranse ao adestramento do Leyma e interpretarán o seu cántico, que será gravado e subido ás redes sociais do club para que a afección poida votar os seus favoritos -tamén puntuará un 50% o nivel de ruído alcanzado por cada cántico-.
O colexio gañador recibirá a visita do primeiro equipo do Club Básquet Coruña no seu centro, varios paquetes de merchandising e un recoñecemento tanto nas redes sociais do club como na súa páxina web. Os propios centros serán os encargados de facer a inscrición das bandas de escolares nesta ligazón.
"Todos os membros do Goberno de Inés Rey somos entusiastas do Leyma e queremos volver velo na categoría que merece. Por iso apoiamos estas iniciativas que fan cultura de club e axudan a que a xente máis nova sinta esa pertenza", subliñou o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible